Culturgal convértese nunha gran sala de concertos da man da industria da música

Novembro 26, 2012

Esta fin de semana en Pontevedra haberá máis de 18 actuacións en directo e 13 presentacións de proxectos musicais de todos os xéneros e para todos os públicos. Todas elas de acceso gratuíto

O Culturgal será a pista de lanzamento de novas bandas e grupos, de festivais, de discos e de iniciativas conxuntas entre artistas de distintas procedencias e disciplinas, como a literatura ou o audiovisual. Ademais, a Fundación de Autor celebrará na Feira das Industrias Culturais a súa Semana de Autor, adicada este ano aos Dereitos Humanos e a asociación Músicos ao Vivo organiza dúas charlas e un encontro con novos talentos.

Dúas características da música galega que quedan patentes na programación musical de Culturgal 2012 son a diversidade e a vitalidade. Haberá música de todas as disciplinas e para todos os públicos, desde o máis moderno El Trapicista, de Erin Comando Katana, ata o folk dos Irmandiños de Vincios, pasando polo rock de Martelo, a música de raíz do Vámola Alboreando, a festa destilada de Linho do Cuco, o humor musicado de Os da Ría ou a tradición reinterpretada de Enrique Paisal, que retomará a Los Tamara en clave de piano, clarinete e voz. Sen olvidar aos máis cativos da casa, que poderán subirse ao tren de María Fumaça, gozar coa reinterpretación que fai a cantante María Inés Cuadrado da Berenguela de Manuel María ou achegarse ao novo traballo multidisciplinar de Mamá Cabra, “Bicos de música”.

A Feira tamén dará boa conta do dinamismo do sector, coa presentación de novos grupos e propostas como Balakandra, Virandeira Folk, Flip Corale y Los Macabros, A Máquina do Tempo, a Factoría de Subsistencia de Josito Porto ou o Martelo de Xacobe Martínez Antelo, Manuel Cebrián e Max Gómez. A cantante Uxía achegará dúas boas propostas de traballo multidisciplinar, ademáis da xa mencionada María Fumaça: Andando a Terra, un disco que pon música aos poemas de Manuel María e Cantigas de Muller, un compendio das voces femininas. Ademais, presentará o décimo aniversario de Cantos na Maré, a cita anual obrigada coas músicas da lusofonía.

Semana de Autor
A Fundación Autor lanzará dende o Patio de Culturgal unha pílula previa do que será uns días máis tarde a súa Semana de Autor, que este ano está dedicada aos Dereitos Humanos. Faino cunha selección de novos talentos musicais, o sábado 1 a partir das 17h, Xoán Curiel presentará o seu “Magnético Zen”, Emilio Rúa o seu “Destino Sur” e Silvia Penide y los Animales o “Animal de Compañía”. Todos eles, novos traballos de artistas emerxentes dentro da escena musical galega.

Músicos ao vivo
No eido profesional, poderemos asistir á presentación do proxecto Womex 2014 en Santiago de Compostela, a máis grande feira internacional de música. Ademais, haberá unha charla sobre os dereitos de autor organizada por a asociación Músicos ao Vivo e un Micro Aberto, unha oportunidade para que os novos artistas consulten as súa dúbidas profesionais cos representantes da asociación.

Fóra da feira
Finalmente a música traspasará os muros da feira e o venres pola noite espallarase pola cidade de Pontevedra: Toques do Caramulo, que chegan ao Culturgal da man do ciclo Outonalidades da asociación cultural portuguesa D’Orfeu, actuarán no Café Moderno ás 21h; Xabier Díaz, Guadi Galego, Guillerme Fernández e Xosé Lois Romero retomarán o seu último proxecto aCadaCanto, tamén no Café Moderno, ás 22h30; a Banda Fura Fura, que conta coa presenza de Xurxo Souto, Sés, Ico, O Leo e Bocixa, entre outros, actuará na Sala Karma contra a media noite; e pecharán a noite María Yáñez e Iago Martínez cunha Picada de música galega, tamén na Sala Karma.

A forza de todo o sector
Culturgal está organizado por unha entidade da que forman parte as asociacións profesionais máis representativas do sector: Asociación Galega de Editores (AGE), Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación Galega de Produtoras Fonográficas (Agaphono), Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet), Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi). A Feira conta co
patrocinio da Xunta de Galicia, a través da AGADIC e da Secretaría Xeral de Política Lingüística, do Concello de Pontevedra e do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte e conta coa colaboración de máis de 30 entidades e empresas.

AXENDA