Para que valen as residencias creativas? Pois, por exemplo, para que aparezan proxectos coma este, onde se amosa o traballo conxunto de catro talentos do jazz contemporáneo. Nas Residencias Creativas Mariñán Música, da Deputación da Coruña, xuntáronse -e aquí vén a parte que lembra ao chiste-, un catalán, un galego, un andaluz e un canario. Coñecéranse ao fundar a Federación Española de Músicos Profesionais de Jazz (FMJazz) e, vistos os seus respectivos instrumentos, ocorréuselles xuntarse a faceren algo nunha mítica formación de cuarteto. E como chegan da periferia, cualificárono de federal.
Na orde de procedencia antes indicada, temos á batería, Guillen Arnedo; ao contrabaixo, Xacobe Martínez Antelo; ao piano, Javier Galiana; e ao saxo, Kike Perdomo. Catro músicos nacidos nas décadas dos 60, 70 e 80 e con influencias estilísticas tamén diferentes que combinaron esa diversidade para traballar non sobre estandars senón sobre composicións propias: unha de Kike, catro de Xacobe, tres de Galiana e unha de Guillem. Traballan nelas en colectivo e rexístranas o 14 de marzo nos Estudios Mans da Coruña.
O resultado é unha experiencia única, singular, con grandes músicos ao servizo dun grupo que tan pronto nos leva ao jazz de vangarda como a lugares máis recoñecíbeis e, como cumpría polas diferentes orixes, se ve salpicada de influencias populares. Non lle deamos máis voltas e digamos, como reza o título da peza que fecha, “Benditas periferias”.
Pepe Cunha, 5-setembro-2024