CUAC FM. Continua a disputa legal: A Xunta de Galicia presenta recurso de Casación ante o Tribunal Supremo

Febreiro 19, 2019

nota:

CUAC FM MANIFESTA A SÚA CONSTERNACIÓN ANTE O RECURSO DE CASACIÓN INTERPOSTO POLA XUNTA DE GALICIA ANTE O TRIBUNAL SUPREMO PEDINDO A ANULACIÓN DOS DEREITOS DE EMISIÓN EN FM DESTA EMISORA COMUNITARIA

A Xunta pretende recorrer a sentenza do TSXG favorable a CUAC na que se declaraba que foron vulnerados os dereitos fundamentais de Cuac FM

CUAC anuncia novas mobilizacións e prepara xa unha resposta legal para defender a liberdade de expresión da cidadanía coruñesa

Cuac FM, A Radio Comunitaria de A Coruña , recibiu notificación nos pasados días, por parte do TSXG, da intención da Xunta de Galicia, de interpor un recurso de casación ante o Tribunal Supremo contra a sentenza do TSXG de outubro de 2017, na que dito tribunal declaraba unanimemente a vulneración -por parte da Xunta- dos dereitos fundamentais de Cuac FM, ao tempo que se lle confirmaba a garantía temporal de emisión tal e como recolle a Lei 7/2010 Xeral de Comunicación Audiovisual.

Ante tal recurso, e unha vez revisados os argumentos xurídicos expostos pola Administración galega, CUAC decidiu facer público no día de 19 de febreiro de 2019 un COMUNICADO OFICIAL, no que declara a súa preocupación ante un recurso de casación no que se intenta restrinxir, limitar e por en cuestión un dereito fundamental, tal e como recolle o artigo 20 da Constitución Española.

Dende Cuac FM, non podemos máis que esperar a resposta do Tribunal Supremo, que debe decidir sobre a admisión ou non do recurso. Non obstante, cabe sinalar que ditas actuacións da administración galega van en contra dos posicionamentos da maioría dos partidos políticos do arco parlamentario estatal, así como tamén se expresou nos recentes avances lexislativos acontecidos na Comunidade Andaluza, onde o Partido Popular apoiou decididamente as propostas e alegacións do movemento andaluz de medios comunitarios.

Cuac FM seguirá exercendo con normalidade a súa actividade radiofónica tanto na Frecuencia Modulada como a través de Internet. CUAC desenvolve unha actividade diaria, os 365 días do ano, onde máis de 100 voluntarios e voluntarias traballan para facer a mellor radio posible, tal e como se acaba de publicar na súa Memoria_Anual_2018.

Cuac FM sabe que non está soa. Conta co apoio da Universidade da Coruña, da Deputación Coruña, dos Concellos da bisbarra, das redes de medios como AMARC e REMC, e dos compañeiros do Colexio de Xornalistas de Galicia e da Federación de Sindicatos de Xornalistas. Tamén de partidos políticos, sindicatos, asociacións e persoas individuais, aglutinadas en torno á campaña #CuacResiste.

Dende Cuac desexamos reiterar o noso agradecemento por este apoio ao tempo que lamentamos que a Xunta de Galicia decida recorrer unha sentenza que consolida dereitos fundamentais da cidadanía.

RESUMO DA CONTENDA LEGAL

Cuac FM é a radio comunitaria da Coruña, e emite dende marzo de 1996 no 103.4 do dial. Os medios comunitarios foron regulados pola Lei Xeral de Comunicación Audiovisual de 2010, na que se recollen coma un dereito da cidadanía, e no que se establece un prazo de un ano para a adxudicación de licenzas a estas iniciativas sen ánimo de lucro. O prazo expirou o 1 de maio de 2011 sen que ate o de agora se concedese nin unha soa licenza comunitaria no estado

Pese a desidia das administracións implicadas, CUAC recibe un expediente sancionador por parte da Xunta de Galicia. Nese expediente, a propia administración recoñece que é coñecedora das emisións de CUAC dende hai 22 anos, sen que en todo este tempo houbese nin un problema coa súa emisión e facendo constar os múltiples intentos da radio comunitaria coruñesa para regularizar ao 100% a súa situación. Aínda así, a posible sanción alcanzaría aos 200.000 euros.

CUAC decide presentar alegacións a tal expediente administrativo, que a Xunta admite como veraces e válidos na súa totalidade, non condenando a Cuac a ningunha sanción económica mais advertindo, na súa resolución, que Cuac FM non podería volver a emitir a través da Frecuencia Modulada.

Ante tal restricción dos seus dereito a comunicación, CUAC presentou en xuño de 2018 un recurso contencioso administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia por vulneración de Dereitos Fundamentais. Dito recurso resolveuse favorablemente a Cuac FM, contando co informe da Fiscalía favorable ás nosas pretensións e, cunha sentenza unánime por parte do TSXG o que ven manifestar 1) que a Xunta de Galicia estaba a vulnerar os dereitos fundamentais de CUAC e 2) que ante a inoperancia da Administración, Cuac está amparada por unha Garantía temporal de emisión ata que a situación dos medios comunitarios sexa regularizada pola administración competente.

AXENDA