CUAC FM celebra 25 anos de radio con dous concertos gratuitos no Centro Ágora

Marzo 22, 2021

nota:

Os Medios Comunitarios realizan unha importante tarefa a nivel mundial: Permitir que se cumpla un dos principios recollidos na Declaración Universal de Dereitos Humanos no Artigo 19: Todo individuo tiene derecho a la libertad de opinión y de expresión; este derecho incluye el de no ser molestado a causa de sus opiniones, el de investigar y recibir informaciones y opiniones, y el de difundirlas, sin limitación de fronteras, por cualquier medio de expresión. A Constitución Española tamén recolle o Dereito a Comunicar dentro do artigo 20.

A Coruña ten a fortuna de contar con un destes medios que cumplirá 25 anos o vindeiro sábado día 27 de marzo. Aquel día do ano 1996, na que era a Facultade de Económicas (agora Filoloxía) da UDC na parte máis elevada do Campus de A Zapateira, acollía o Estudio orixinal da emisora. Unha reportaxe da TVG deixou constancia daquela inauguración.

Para comezar os actos de celebración, moi limitados pola situación sanitaria, a Asociación Cultural CUAC, propietaria da emisora, organiza dous concertos coa colaboración do Concello da Coruña e o financiamento da Deputación da Coruña. Dende 1997 a emisora organiza un Concurso para artistas emerxentes e estes dous concertos corresponden á súa XXII Edición e que en condicións normais terían sido na Sala Mardi Gras. O venres 26 actúa a Mellor Banda local, Adhara & Ritman, dende ás 19:30 horas. E o sábado será a Batalla de Bandas con Psychoducks dende Oleiros e Young Forest, unha banda con procedencia entre Madrid e Sevilla. O comezo do sábado será ás 19:00. A entrada será libre ata completar aforo e sempre cumplindo todas as medidas de distancia de seguridade, se gardarán os datos dos asistentes durante un mes por se xurdira calquera indicencia.

O resto de actos conmemorativos que se realicen iranse dando a coñecer a medida que sexa posible. Nestes 25 anos de vida teñen pasado pola emisora un total de 475 programas, sendo o último o que realiza da Federación Galega de Universidades Senior baixo o título de 50 e pico, todo un reto coordinar as intervencións de persoas de máis de 55 anos dende diversos puntos da xeografía galega. Preto de 1.600 persoas teñen pasado polos micros e a mesa de misturas dos estudios de CUAC (o estudio principal leva o nome de José Couso) que ten un importante plan de formación na súa Escola de Radio e Asociacionismo. Unha formación que toda persoa que desexa facer radio en CUAC debe realizar. Ao longo dos anos CUAC FM convertiuse nunha auténtica canteira para os medios da cidade, a lista de persoas que están ou pasaron por outras emisoras locais é moi longa. Tamén poderiamos citar a moitas persoas do mundo das artes (poetas, cantantes, monologuistas, actores, actrices…) que teñen realizado programa de radio nese espazo onde a liberdade e a capacidade de expresarse sen máis límites que os que marca a lei son unha das suas principais características.

Como todo proxecto de longa duración, a Radio Comunitaria da Coruña ten pasado por momentos realmente complexos dos que saiu adiante reforzada. O principal foi o expediente sancionador incoado pola Xunta de Galicia pola falta dunha licenza de emisión, algo que o equipo fundador solicitou en 1996 e diversas ocasións máis. Pese a ser un dereito constitucional a lexislación non estaba a altura e iso provocou que tivesen que ser o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e a ratificación do Tribunal Supremo os que ratificasen o dereito a seguir emitindo, tras máis dun ano sin estar no 103.4 da Frecuencia Modulada da Coruña (ainda que as emisións en internet continuaron) para evitar a sanción que podía chegar aos 200.000 euros. O apoio da cidadanía, así como de institucións como a Deputación da Coruña, o Concello da Coruña, a Universidade da Coruña e o Concello de Oleiros foi clave para poder chegar con forzas a un xuizo no que a diferenza de recursos era evidente.

Na actualidade estase a piques de realizar unha renovación completa do equipamento de alta frecuencia (equipo de emisor, cableado e antena) para ofrecer unha mellor calidade sonora e máis cobertura na FM. O equipo actual xa ten moitos anos de vida e sufriu diversas averías por mor dos temporais que azotan con forza na zona da Zapateira.

Dentro da implicación da radio coruñesa dentro do movemento de Medios Comunitarios a nivel mundial cabe sinalar que o proxecto ten un importante prestixio lonxe das nosas fronteiras e que na actualidade ocupa a Presidencia da Rede Estatal de Medios Comunitarios, Mariano Fernández, un dos fundadores de CUAC, e tamén un posto dentro do Board (xunta directiva) de Amarc Europa con Isabel Lema, investigadora da UDC e que tamén ocupou a presidencia de CUAC cando contaba con tan só 22 anos.

A imaxe que encabeza esta nota de prensa corresponde coa celebración dunha xornada colectiva de elaboración do Plan Estratéxico da asociación 2020-2025. Era o 7 de marzo de 2020 e poucos días despois tivo que paralizarse, como tantas outras cousas nas nosas vidas.

AXENDA

Facebook