Crónica orelluda do X SinSal de San Simón, 22-23 e 24 de xullo de 2022

Agosto 04, 2022

Tras a substitución por un Sinsal Litoral en 2020 e as restricións por mor da pandemia de 2021, volvimos vivir a cita de San Simón ao xeito pre-pandemia, co aforo posíbel e sen máscaras nin distancias para beber ou comer. Iso si, un cambio quedou: a desaparición do escenario en San Antón. Xa que logo, as actuacións do cartel que descubrimos ao chegar á Illa distribuíanse arriba no escenario Buxos e abaixo no San Simón, á vez que se propoñen outros recunchos para ofrecer actividades a público máis reducido, como os microconcertos Santo Antón acústico no cemiterio.

Ao final deste artigo recupero as minicrónicas que fun compartindo en redes virtuais coas impresións de cada día, polo que do musical pouco máis que resumir que só polos concertos de Clara Peya, Rocío Márquez & Bronquio, Haepaary, Ben Lamar Gay, Lido Pimienta ou o festón co dúo Tootard … xa se xustifica a asistencia. A quen queira escoitar, claro, porque estanse a notar moitas ganas de festa e non todo o mundo a entende do mesmo xeito. Ano a ano toca aturar demasiada xente que non arreda as súas charlas do escenario en respecto polas artistas e o público que si queremos escoitar.

Divertirse é bo, normal e ben comprensíbel se consideramos o que vimos de pasar, pero de aí a pensar que iso é sinónimo só de bailar, gritar ou montar balbordo … Non hai escusa para non molestar, porque a cita sinsaleira en San Simón ofrece dúas illas para pasear e gozar delas, unha oferta gastronómica tan coidada como a organización e un abano de actividades non só musicais, senón tamén culturais e deportivas como visitas guiadas, exposicións, charlas, pedal surf …

En fin, non quería que a coidada selección musical do colectivo SinSal quedase eclipsada pola denuncia do postureo e o hedonismo desaforado. Xa cantaban os Byrds aquilo de que “hai un tempo para cada cousa”, así que deixen ás “sosas” degustarmos uns pratos musicais (ritmos étnicos, electrónica, jazz, flamenco, clásica, pop, cumbia …) que chegan da Península Ibérica, Cataluña, Corea, Brasil, Altos de Golán, Colombia, Republicana Dominicana, EUA, Inglaterra … Unhas propostas para concentrarse nelas e outras (cada vez máis, por certo) para soltarse á festa. Quen ofrece iso e nun lugar tan especial como este ?

Nesta saturación de festivais con pouco ou escaso gusto e paciencia para a súa confección, o SinSal de San Simón segue a ser un faro no que se mirar quen queiran diferenciarse, por respecto ao entorno, por curiosidade e apertura musical, divulgación da memoria e o patrimonio, fomento de prácticas de sustentabilidade … Que veñan outras dez edicións máis e, se non é pedir moito, que o público recupere parte do espírito daquelas edicións primeiras, onde primaba a atención ás músicas.

A risco de me repetir, eis as minicrónicas por días e no facebook e instagram orelludos máis fotos.

Pepe Cunha, 5-agosto-22

Venres

Regreso ao mellor dos festivais posíbeis e reencontro coas caras de felicidade e as ganas de descubrir propostas musicais diversas e menos habituais. A organización segue a ser exemplar e a actitude do público contáxiase do bo trato.
Nun venres que me pareceu frouxo, os galegos @musculomusica estiveron á altura do que se espera do Festival Sinsal , como, aínda que non enganchase, a proposta da bretoa @quinquismusic
Non diría o mesmo da presenza do novísimo @sebastianncortes , con moito gancho nas redes virtuais pero, de principio, cun pop pouco interesante no musical e verde no escenario. Os novos tempos?
En contraposición a este, o ciclón colombiano de @lidopimienta coa súa mestura sen estridencias de tradición e electrónica. Estivo entretida, bailábel e falangueira con graza e compromiso. Tamén para bailar estiveron @candelerosmad coa súa latin jam session na onda Santana – Tito Puente e un chisco de adobo psicodélico.
Veremos que nos deparan as xornadas completas de sábado e domingo na Illa de San Simón.

Sábado

Cando falo do @sinsalaudio como imprescindíbel na miña axenda

AXENDA

Facebook

2 hours ago

Ábrete de orellas
mañá sábado 20 en Redondela, concurso de maquetas de Asociación do Festival Millo VerdeEn colaboración con ArteLixo ... See MoreSee Less
Ver en Facebook