crónica do Vodafone Paredes de Coura 2013. 15, 16 e 17 de agosto.

Agosto 21, 2013

Aínda que ten lugar ao sur do Miño, baixando unas ducias da quilómetros da antiga fronteira, Paredes de Coura é un festival referente para o público galego. Porén, non é só o público en xeral quen valora o festival, pois tamén os artistas o teñen entre os seus favoritos e semellan dar un algo máis nos seus concertos. A redacción de Ábrete de orellas quixo regresar a Paredes e constatar como lle sentara ao festival pasar das dúas décadas de existencia. E si, os alicerces seguen firmes nesta vixésimo primeira edición: unha selección especializada de artistas da corrente alternativa e uns ambiente e contorna únicos.

Hai xa varias edicións nas que os nomes non teñen o tirón de antano (Nick Cave, Dinosaur Jr., Supergrass, P.J. Harvey, Pulp, Franz Ferdinand, Sonic Youth, Prodigy, The Specials, The Flaming Lips …), pero a resposta do público amosa que no caso de Paredes isto non é un factor decisivo. A afluencia de xente en cada un dos días foi notábel, maior o venres e sábado, sen por iso facer incómoda a estancia. Para isto é imprescindíbel a distribución axeitada dos espazos e a capacidade organizativa dos festivais portugueses, que crean a atmosfera mellor acaída para gozar dos concertos e a localización. Os horarios cúmprense con rigor e son poucos os concertos dos que, por coincidencias horarias, non se poida catar polo menos un cuarto de hora. Ademais, os valores engadidos como os postos de recarga de baterías, o traballo do voluntariado ou o servizo de “babysitter” contribúen a que a franxa de idades sexa ampla.

No estrictamente musical, nos últimos anos Vodafone Paredes de Coura aposta máis pola selección de novos talentos da corrente “alternativa” portuguesa e internacional e fai por confirmar (The Horrors, The Vaccines, Alabama Shakes …) ou presentar hypes (Ducktails, Citizens!, Peace, Jagwar Ma, Palma Violets …). Como é de rigor, non faltan apostas seguras (Belle and Sebastian, Calexico, Echo and the Bunnymen, Hot Chip, Simian Mobile Disco …) e concertos case exclusivos (The Knife), deses que hai poucas ocasións de ver. Se cadra, o balanzo final tira a frouxo en canto a grandes concertos, pero non faltaron variedade estilística e bos momentos.

Despois da sobremesa, e para ir quecendo motores aos poucos, ofrécense concertos gratuítos no Palco Jazz na Relva / JN Bandas. Neste último foron protagonistas as bandas noveis portuguesas abondo influenciadas pola música alternativa das últimas décadas, no ton do festival. A partir das 18 h. ábrese o palco secundario Vodafone FM e unha hora despois o principal Vodafone. Como adoita acontecer, os gustos diversos do público critican a idoneidade dunhas bandas neste ou naquel palco; é dicir, que se tal actuación merece ou desmerece perante máis ou menos público. Iso si, entre as 22 h e as 2, o protagonismo é exclusivo dos cabezas de cartel no incomparábel escenario principal.

Entre os concertos que máis nos gustaron comezamos cos Calexico. A calidade dos seus músicos, incluído un Jairo Zavala (Depedro) impecable á guitarra, abraiou cun son cálido, fronteirizo e sempre roqueiro que aunou nunha mesma actuación trompetas mexicanas con piano cubano e guitarras texanas. Non faltou a súa impresionante versión do “Alone Again Or” de Love e chiscos que van desde o Manu Chao de “Clandestino” ao “Love Will Tear Us Apart” dos Joy Division. Sublimes, os de Joey Burns e John Convertino gustaron e gustáronse. Nunha onda estilística totalmente distinta pero tamén reflectindo un gran momento da banda, a formación en septeto dos Hot Chip realizou talvez o outro concerto memorábel. As cancións do seu último disco e anteriores soan ao vivo efervescentes, brillantes e irresistibles para o baile. Menos sorprendentes, pero sen defraudar no papel de figuras, estiveron os escoses Belle and Sebastian, que chegaron a sumar trece músicos no palco ao contaren con catro portugueses ás cordas e vento. Viaxaron pola súa discografía e soaron impecables, cun Stuart Murdoch especialmente conectado co público. Cancións como “Another Sunny Day”, “I Want The World To Stop” ou “I’m a Cuckoo” non fallan. Como tampouco o fixo o set DJ dos Justice, que convertiron a ladeira fronte o palco nunha impresionante discoteca a ceo aberto para miles de persoas. Unha pinchada das que non baixan o pistón e combinan con poucos prexuízos temas recoñecibles con momentos máis “ocultos”.

Un chanzo por baixo dos anteriores poñeriamos os Echo and the Bunnymen, que cumpriron coas expectativas tirando dun repaso ao seu repertorio notábel (“The Cutter”, “The Killing Moon”, “Nothing Lasts Forever”, “Lips Like Sugar”, “Ocean Rain”…) nunha actuación elegante e sen artificios, versión do “Roadhouse Blues” incluída. En comparación con eles, uns The Horrors -mellores que na súa anterior visita, iso si- fican moi por detrás en canto a repertorio de cancións. Citizens! gustaron no segundo escenario e ben poden repetir no grande nalgunha vindeira edición. O seu directo fixo xustiza a un disco debut que invita ao baile repasando diferentes décadas do pop-rock máis lixeiro de pés e prexuízos. Tamén salientariamos o toque pop melancólico e con aire máis clásico duns Ducktails, a enerxía cuase-punk dun rock fresco e directo dos Palma Violets e as maneiras duns novísimos Peace, nunha onda rock novaiorquina. Os tamén cabezas de cartel Simian Mobile Disco soaron para rebentar, só para apaixonados de chimpar sobre un colchón de baixos machucóns e penetrantes.

A cualificación de bluff do festival recaería en The Knife, cunhas posta en escea e interpretación que moi poucos entenderon ou dirán apreciar. En terra de ninguén, nin étnicos nin electrónicos nin new age… resultaron aburridos para esas horas. A introdución en plan quecemento do público con animadora dando instrucións de baile e berros durante un cuarto de hora foi, iso si, unha das imaxes curiosas do festival. En troques desta decepción, a sorpresa que para moitos foron uns Alabama Shakes, de cuxo rock soul clásico e a potente vocalista falaban marabillas quen asistiran á xornada do mércores.

Coma é normal, nestas consideracións inflúen desde o cansanzo até a predisposición de cadaquén, filias e fobias incluídas, mais no que hai consenso é na consideración da cita en si. A experiencia do Vodafone Paredes de Coura segue a ser ben recomendábel dentro da oferta estival, sexa acampando in situ e mergullándose no espíritu campestre coma aloxándose nalgunha outra vila do norte de Portugal. Iso si, ollo coas estradas para chegar á Praia Fluvial do Taboao. Os lugares especias adoitan estar agochados.

Pepe Cunha, 21-agosto-2013

AXENDA

Facebook

19 hours ago

Ábrete de orellas
Isto si é un premio, recibir traballos na redacción orelluda. Chegou o novo de O SONORO MAXÍN , que o vindeiro domingo están na A Arca da Noe con TIAM GzAi, ese ritmo e esas letras do Ico desde Ourense."A primavera ten que ser nosa", di que si. ... See MoreSee Less
Ver en Facebook