Terceiro disco desta formación xurdida canda o colectivo vigués Metamovida. Tras aquel estupendo “Onkalo” que comentamos nesta web en 2012, seguen crecendo en pericia na súa confluencia de rock progresivo e ecléctico, matemático e jazzístico. Talvez, a diferencia sexa que “Pera” nolos presenta máis preto do concepto de canción e con maior presenza vocal non só dentro da banda senón tamén pola colaboración notábel ás voces de Pablo Riveiro, cantante de Buogh. E non será porque aquí non poñan voces todos: Cibrán Rey (batería), David Santos (baixo), Rubén Abad (guitarra) e Xavier Nuñez (teclado).
En conxunto, as cancións de “Pera” resultan por momentos imposibéis, exuberantes, xenerosas en ideas. Completan un disco tan breve como intenso (media hora) pero que serve de chamada para nos achegar a uns directos intensos e especiais. A gravación, co fin de reflectir esa súa pericia nos concertos, realizouse dun xeito analóxico e en directo, con Javier Ortiz aos mandos en 5 días nos estudios BRAZIL. A masterización foi encargada aos Golden Mastering de California.
Cró!, canda Guerrera, son as cabezas máis recoñecibeis dunha escea de rock experimental e con forza visual (Borja Bernárdez na banda que nos ocupa) xurdida no país. Aínda que non esteas moi familiarizado coa experimentación no rock, fai por velos alguna vez ao vivo.
Pepe Cunha, 20-maio-2014