nota:
Nesta actividade, que tamén incluirá música e un recital poético, participarán tres destacados editores: Francisco Castro, director de Galaxia; Rosa Rey, directora de Angle Editorial; e Lorea Agirre, directora de Jakin Magazine
Forma parte do programa académico na Cátedra Juan Carlos I de Cultura e Civilización Española que está a desenvolver Cristina Pato desde setembro
Nova York, 3 de decembro de 2019. Este xoves 5 de decembro a Cátedra Juan Carlos I de Cultura e Civilización Española na New York University (NYU), que ocupa este curso Cristina Pato, organiza a súa cuarta conferencia pública, que nesta ocasión leva por título “Sociedades bilingües e sostibilidade: as outras linguas de España”. Nela participarán tres destacados editores peninsulares: Francisco Castro, escritor e director de editorial Galaxia en representación de Galicia; Rosa Rey, directora de Angle Editorial e Capital Books (Cataluña); e Lorea Agirre, directora de Jakin Magazine (Euskadi).
Os tres compartirán as súas experiencias de supervivencia e resistencia nun país con catro linguas oficiais, co obxectivo de achegar unha perspectiva diferente sobre as outras linguas españolas. Tamén haberá música e un recital poético en galego, éuscaro e catalán. O evento terá lugar o 5 de decembro ás 18.30 horas no Auditorio do King Juan Carlos I Center da Universidade de Nova York. Máis información na web da Cátedra: https://www.kjcc.org/event/bilingualsocieties/
Esta actividade forma parte da programación que está a desenvolver Cristina Pato durante este curso na Cátedra Juan Carlos I de Cultura e Civilización Española na New York University (NYU), unha das máis destacadas universidades dos Estados Unidos, que teñen ocupado anteriormente destacados persoeiros das letras, como Antonio Muñoz Molina, Juan Goytisolo, Claudio Guillén, Francisco Ayala, Jon Juaristi ou Estrella de Diego, ademais de por outros destacados persoeiros como Baltasar Garzón ou hispanistas do talle de Sir John Elliott ou Sir Raymond Carr.
Pato, cuxa carreira académica a ten levado a impartir clase en diferentes universidades americanas, como Harvard ou a Universidade de California, está a centrar a súa actividade na NYU na invisibilidade dos inmigrantes e das culturas minorizadas en España. Ademais das súas clases, está a organizar varias conferencias en torno a diversos temas relacionados cos seus obxectos de investigación dos últimos anos: música e neurociencia, a sustentabilidade do artista, a conexión afrolatina nos Estados Unidos, a memoria cultural e a perda de memoria, ou a situación das outras linguas en España, coma neste caso.
A Cátedra Juan Carlos I de Cultura e Civilización Española foi creada en 1983 e desde entón ten incorporado á NYU eminentes persoeiros da historia e da cultura da España moderna que desenvolven un programa académico ao longo dun ano sobre diferentes materias arredor da cultura española para ofrecer unha formación complementaria á impartida na propia universidade. Un dos obxectivos do centro é integrar a España en eidos no que historicamente foi marxinada, como a economía, a filosofía ou as ciencias políticas. A persoa elixida cada ano é evaluada por un comité de profesores de Estudos HIspánicos da propia universidade.
Cristina Pato
Gaiteira, pianista, educadora, escritora e produtora. Silkroad: Artista e Asesora de Educación
Cristina Pato é unha mestra gaiteira, pianista clásica e educadora apaixonada. Aclamada como “unha virtuosa explosión de enerxía” polo The New York Times, a súa vida profesional está adicada ao intercambio cultural e a forxar novos camiños para a Gaita Galega. Cristina ten actuado en grandes escenarios de todo o mundo e ten lanzado e producido seis discos como gaiteira solista e dous como pianista, e colaborado en máis de 40 gravacións como artista invitada.
A educación xoga un papel esencial na vida persoal e profesional de Cristina. Traballa como Asesora de Educación de Silkroad (fundado por Yo-Yo Ma), e ten traballado como artista residente en varias universidades, incluíndo Harvard e a Universidade de California Santa Barbara, onde desenvolve proxectos educativos interdisciplinares sobre o papel das artes na sociedade. É a fundadora do festival multidisciplinar Galician Connection, e escribe unha columna semanal para o diario La Voz de Galicia.
Activa intérprete, conferenciante e oradora pública, Cristina posúe un Doutoramento en Musical Arts pola Rutgers University (EUA), os títulos superiores de Piano, Teoría da Música e Música de Cámara polo Conservatorio de Musica do Liceu, e un Master en Artes Dixitais (Música Dixital) da Universitat Pompeu Fabra. Cristina está a preparar o seu segundo doutoramento en Estudos Culturais, e é a co-creadora dunha pioneira clase sobre Memoria xunto co neurocientífico Dr. Kenneth S. Kosik.
foto de Xan Padrón