Cristina Pato opta a dous Grammys como parte de Silk Road e do documental ’The music of strangers’

Decembro 07, 2016

nota:

O último álbum de Silk Road Ensemble, “Sing me home”, está nominado ao mellor álbum de ‘world music’. Inclúe o tema ‘Cabaliño’, interpretado tamén por Davide Salvado, Anxo Pintos e Roberto Comesaña

O documental ‘The Music of Strangers’, do que a gaiteira ourensá é coprotagonista, opta ao mellor filme musical

Os Premios Grammy, os principais galardóns mundiais da música, veñen de dar a coñecer os nominados para esta 59ª edición e entre eles atopamos dous dos proxectos nos que está implicada a gaiteira Cristina Pato: a súa formación Silk Road Ensemble, que opta ao mellor álbum de “world music” por ‘Sing me home’, e o filme documental The Music of Strangers, dirixido por Morgan Neville, candidato ao Grammy ao mellor filme musical.

Yo-Yo Ma e o Silk Road Ensemble, a banda á que pertence Cristina Pato, estreou o pasado abril o disco “Sing Me Home”, que inclúe unha nova versión de “Cabaliño”, esta fermosa canción tradicional galega que foi gravada xunto cos músicos galegos e membros do “Rústica” (proxecto no que tamén participou Cristina Pato) Davide Salvado, Anxo Pintos e Roberto Comesaña. O novo arranxo de “Cabaliño” foi realizado por Anxo Pintos e ten como solistas a Yo-Yo Ma, o iraní Kayhan Kalhor e Davide Salvado.

O album explora a sempre cambiante idea de fogar a través de melodías folk tanto tradicionais como orixinais interpretadas polo Silk Road Ensemble, Yo-Yo Ma, e unha variedade de salientables artistas convidados, que ademais dos músicos galegos, inclúe outros artistas de renome como Gregory Porter, Sarah Jarosz ou Abigail Washburn.

O album foi desenvolvido e gravado en paralelo a The Music of Strangers: Yo-Yo Ma and the Silk Road Ensemble, o documental do director gañador dun Oscar e un Emmy Morgan Neville que narra a historia do Silkroad, que se estreou en xuño nos cinemas de todo o mundo.

Pato e a música galega no filme

O filme conta a historia deste colectivo musical creado polo lexendario cellista Yo-Yo Ma do que forma parte Pato. A través da fita podemos seguir as vidas deste grupo de instrumentistas, e como exploran o poder da música para preservar a tradición, dar forma á evolución cultural e inspirar a esperanza.

A parte dedicada á gaiteira ourensá explora os valores fundamentais da cultura e da identidade galega e lévanos a coñecer a súa vida familiar, social e cultural en Galicia. Tamén se reflicte o que significa para Cristina formar parte e querer estar en dous lugares á vez, e a influencia da emigración na súa vida e na dos seus pais. Nel pódense ver imaxes da zona vella de Ourense e Santiago, Armariz (Nogueira de Ramuín) ou do campamento romano Aquis Querquennis de Bande. Ademais da súa familia, aparecen outros personaxes da cultura e da música galega.

No documental participan, ademais de Yo-Yo Ma e a propia Pato, outros membros do Ensemble: o clarinetista sirio Kinan Azmeh, o iraní Kayhan Kalhor (toca o “kamancheh”) e a chinesa Wu Man (coa “pipa”), que tamén falan das súas respectivas culturas.

Conferencia en Harvard

Hoxe, 7 de decembro, Cristina Pato ofrece, xunto con outros compañeiros de Sillk Road, unha conferencia na Universidade de Harvard sobre “Ritmos de vida: unha conversa sobre artes e curación con Silk Road”. Os relatores explorarán a curación en diversas etapas da vida, desde a infancia á senectude, usando o diálogo, a indagación e as manifestacións musicais.

Cristina Pato

Cristina Pato é unha mestra gaiteira, pianista clásica e educadora apaixonada. Aclamada como “unha virtuosa explosión de enerxía” polo New York Times, e como “un dos mestres vivos da gaita” polo Wall Street Journal, a súa vida profesional está dedicada ao intercambio cultural e a forxar novos camiños para a gaita galega. Cristina ten actuado en grandes escenarios de todo o mundo e ten lanzado e producido seis discos como gaiteira solista e dous como pianista, e colaborado en máis de 40 gravacións como artista invitada.

A educación xoga un papel esencial na vida persoal e profesional de Cristina. Actúa como asesora de Educación do Silkroad, ten sido artista residente en varias universidades, incluindo Harvard, a Universidade de California, Santa Barbara, e o College of the Holy Cross, e é a fundadora do festival multidisciplinar Galician Connection.

Cristina posúe un Doutoramento en Musical Arts in Collaborative Piano pola Rutgers University (EE.UU.), títulos de Piano, Teoría da Música e Música de Cámara polo Conservatorio de Musica do Liceu, e o Master en Artes Dixitais (Música Dixital) da Universitat Pompeu Fabra de Barcelona.

Todos os nominados aos Grammy, aquí: https://www.grammy.com/nominees

Sing Me Home en Spotify:

AXENDA

Facebook

10 hours ago

Ábrete de orellas
Isto si é un premio, recibir traballos na redacción orelluda. Chegou o novo de O SONORO MAXÍN , que o vindeiro domingo están na A Arca da Noe con TIAM GzAi, ese ritmo e esas letras do Ico desde Ourense."A primavera ten que ser nosa", di que si. ... See MoreSee Less
Ver en Facebook