Cristina Pato coa Real Filharmonía de Galicia

Xuño 02, 2016

nota:

Construír un amplo repertorio para gaita e orquestra sinfónica é un dos últimos retos de Cristina Pato. E por primeira vez vai traer os froitos deste traballo a Galicia. Será a vindeira semana, cando actuará como solista por primeira vez coa Real Filharmonía de Galicia dirixida por Paul Daniel. Será mañá xoves 2 de xuño no Auditorio de Galicia, o venres 3 no Auditorio Abanca de Vigo e o sábado 4 un pequeno concerto no compostelá Parque Eugenio Granell.

Logo de ter actuado nos últimos dez anos con grandes orquestras de prestixio internacional como a New York Philharmonic ou a Chicago Symphony, Cristina Pato propúxose ampliar o repertorio de gaita para orquestra facendo encargos a compositores internacionales. Será a súa primeira vez como solista coa RFG, con quen dará un paso máis no seu pioneiro Gaita and Orchestra Commissioning Project, que foi financiado por ela mesma e pola fundación americana New Music USA, co que xa tocou con outras orquestras americanos como a Sphinx Orchestra no Detroit Symphony Hall, a Chicago Sinfonietta no Chicago Symphony Hall e a Orquestra Simfònica del Vallès no Palau de la Música de Barcelona.

Será a súa primeira vez como solista coa Real Filharmonía de Galicia. Nestes dous concertos en Galicia, tamén actuará como solista Esther Viúdez ao corno inglés e baixo a batuta do director Paul Daniel. O programa que interpretarán é o seguinte:

J. MacMillan: The world’s Ransoming (estrea en España)
O. Vázquez: Viúvas de vivos e mortos (estrea absoluta)
P. I. Chaikovski: Sinfonía nº 4 en fa menor, op. 36

Alén disto, os tres, Pato, Viúdez e Daniel, protagonizan tamén o último Conversando con… do ano, onde público e intérpretes poden intercambiar impresións antes do inicio do concerto. Alén disto, o sábado 4 haberá un pequeno concerto, interpretando só a obra de Octavio Vázquez, ás 12.30 no parque Eugenio Granell de Santiago.

Outros proxectos
Cristina Pato segue a traballar paralelamente en múltiples proxectos. Ademais da xira co bailarín Lil Buck, a ourensá vén de formar parte do xurado no concurso de músida de cámara coa dotación económica máis grande do mundo, o M-Prize Chamber Arts Competition, que ten lugar na Universidade de Michigan e que está dotado con 100.000 dólares de premio.

E o 10 de xuño estrearase a nivel mundial o documental The Music of Strangers: Yo-Yo Ma and the Silk Road Ensemble, o filme do director gañador dun Oscar e un Emmy Morgan Neville que narra a historia do Silkroad, e que tivo a súa estrea europea na Berlinale o pasado 19 de febreiro. Logo poderase ver na canle HBO.

Nel Cristina Pato e Galicia son coprotagonistas. O filme conta a historia deste colectivo musical creado polo lexendario cellista Yo-Yo Ma do que forma parte Pato. A través da fita podemos seguir as vidas deste grupo de instrumentistas, e como exploran o poder da música para preservar a tradición, dar forma á evolución cultural e inspirar a esperanza.

A parte dedicada á gaiteira ourensá explora os valores fundamentais da cultura e da identidade galega e lévanos a coñecer a súa vida familiar, social e cultural en Galicia. Tamén se reflicte o que significa para Cristina formar parte e querer estar en dous lugares á vez, e a influencia da emigración na súa vida e na dos seus pais.

Cristina Pato

Aclamada polo New York Times como “unha virtuosa explosión de enerxía” e por The Wall Street Journal como “un dos mestres vivos da gaita”, a gaiteira galega, pianista e compositora Cristina Pato, ademais de emprendedora cultural, disfruta dunha activa carreira profesional dedicada á música popular galega, a música clásica e o jazz, e a súa carreira dual tena levado aos principais escenarios de toda Europa, EEUU, India, África e China.

Cristina Pato foi a primeira gaiteira muller en publicar un álbum en solitario (1999) e desde entón ten colaborado en escenarios de todo o mundo con Yo-Yo Ma, Arturo O’Farril e a Afro Latin Jazz Orchestra, Chicago Symphony Orchestra, Osvaldo Golijov, New York Philharmonic e Paquito D‘Rivera.

Cristina é membro do Silk Road Ensemble de Yo-Yo Ma e un membro fundador do seu Leadership Council, colaborando estreitamente nas xiras e na planificación de residencias, entre elas a asociación multianual entre o Silk Road Project e a Universidade de Harvard.

AXENDA

21:00 h.
Auditorio de Galicia, Santiago de Compostela.