Cristian Silva “Un home tranquilo”

Agosto 14, 2025

Ao músico Cristian Silva asociámolo coa gaita e nisto da “industria musical” calquera asociación pode ser tan orientativa como limitadora. Resulta habitual asignarmos unha etiqueta e logo non termos interese en despegala, neste caso que o gaiteiro toque tradicional, pensemos nos recentes traballos do moañés Budiño. No caso do de Carril, e como acontecía no seu anterior disco (“Ego”, 2015), encontrámonos con influencias moi variadas: rock, pop, folk, progresivo, funk ou jazz. Si que hai unha peza entendíbel como tradi, pois “Sardinha Biva” contén melodías e instrumentos tradicionais, pero o disco distínguese polo tratamento da gaita como outro instrumento para experimentar, aplicarlle efectos coas pedaleiras e levala de viaxe por onde a inspiración tirou de Silva. O resultado adianto que é fascinante, curioso e racha prexuizos e seguidismo, que falta nos fai

Como no seu álbum anterior, Silva non agocha a gaita nin na portada, pero tamén se encargou de máis instrumentos (sintes, frautas, hammond, harmónica, zanfona …) e conta coa batería de Miguel Lamas, a guitarra eléctrica de Pablo Pérez ou o baixo de Adrián Saavedra, colegas que suman e completan as ideas do autor dun disco que desde o comezo soa “roqueiro”, proteico, enérxico (proben “Estado de fuga”, por exemplo). Tamén gozamos do saxo de Xosé Miguélez en “Quásar”, os bombardino e trombón de Antonio Rodríguez en “Alquimia cósmica” e a voz e aturuxos de Ana Fernández na final “Baño con Leviatán”. Entre maioría de instrumentais, atopamos tres cancións con letras ben significativas: “Ovelha negra” (non penses por ti… non sexas así … vaste queimar … non vaias rematar mal), a peza indie-pop coa banda indie Igloo “Tobogán” (todas as luces que veñen e van non me deixan nada) e “Lobo estepario”.

Calidade, adicación, diferenciación non son sinónimo de éxito se pensamos en popularidade, pero Cristian Silva pode estar orgulloso disto que preparou durante 5 anos, o que fala do seu carácter meticuloso, inconformista, autoesixente; non produce, edita e publica un álbum de seu até estar seguro do que quere compartir. Non é doado ir por libre, que parezas encaixar en varios sitios para que finalmente ningunha onda, tendencia ou moda te leve a máis ouvidos. Porén, se “Ego” era unha declaración de principios, “Un home tranquilo” mellora aquela sorpresa, teña público ou non.

Pepe Cunha, 15-agosto-2025

 

AXENDA

Facebook