Cris Regueiro “Libérome”

Maio 26, 2024

Cris Regueiro estrea un proxecto de seu tras pasar por diferentes formacións e ir acumulando bagaxe abonda como vocalista, teclista e mestra de música. Este mini-álbum de presentación contén cinco composicións propias executadas con coidado e sapiencia por un trío sólido, pois logo se aprecia o protagonismo das baterías e percusións de Bruno Couceiro e o baixo eléctrico de Ale Cambón.

“Libérome” son vintecinco minutos de elegancia e intensidade (neo) soul, R&B, con toques de improvisación e solos propios do jazz e efectos sonoros que comezan cun himno intenso ao “Café”. Despois desta súa obsesión canta a temas máis universais, como a auto-afirmación de “Diruveia”, o amor en parella de “A nosa historia” ou esa “Néboa” que ás veces nos cobre, sempre combinando forza e rixo con sutileza e o risco necesario para se desmarcar doutras propostas.

Da canteira do coro Sisters in the House (mencionemos sempre o gran traballo de Carmen Rey) e as bandas coidadas de versións da zona da Coruña saen de cando en vez artistas e proxectos que merecen recoñecemento e apoio. Cris Regueiro é a (pen)última, e apunta que non só como unha cantante notábel.

Pepe Cunha, 26-maio-2024

AXENDA