Coincidindo con estas datas de agasallos, ve a luz a edición digipack de “Crebinsky” co DVD da película acompañado do CD da banda sonora. Como cómpre nestes casos, non falta un libriño con fotogramas e información. A Banda Crebinsky defínese como unha “pequena orquestra popular xurdida dun universo imaxinario” e nela xúntanse moitísimos músicos chegados do rock, o jazz, a experimentación, a música clásica ou o folque. Porén, no directo a formación redúcese a oito músicos para facer viables esas actuacións que acompañan as proxeccións do filme. Liderados polo compositor Pablo Pérez e o cantante bielorruso Vadín Yukhnevich, nas súas composicións mesturan infinidade de influencias musicais e cantan en galego, ruso, castelán, italiano ou francés. Como está a ocorrer coa película galega que tanta curiosidade espertou nos últimos anos, esta tola proposta musical gustará máis ou menos, pero sen dúbida non encaixa no de case sempre. Abstéñanse os amantes das etiquetas.
Pepe Cunha, 28-dec-2011