Corizonas no Compostela Rock, 10-febreiro-2012

Febreiro 11, 2012

O ciclo Compostela Rock é unha das novidades da Concellaría de Cultura de Santiago para este 2012. O 14 de xaneiro abriu cos irlandeses The Answer e o pasado venres foi o turno dos Corizonas, unha das últimas sensacións no rock español. Aínda que presentando un primeiro e recente álbum, a formación máis que nova é o froito da fusión de dúas bandas reputadas no directo; unha desde hai moitos anos, Los Coronas, e outra nos últimos, Arizona Baby. Desde hai pouco máis dun ano, e sen pausa, colaboraron en directo, gravaron un disco de versións que pasearon en xira conxunta como “Dos Bandas y Un Destino” e deron un paso máis adiante: compoñer un álbum con temas propias como unha banda única. Corizonas son unha superbanda de sete membros -tres guitarras, voz, batería, baixo e trompeta- que mestura os gustos das súas formacións orixinais e completan unha proposta con sabor a rock clásico, vintage, country ou espagueti western. Neste momento, o que ofrecen no seu directo está por encima da media nacional, tanto pola interpretación como pola posta en escena, proxección de imaxes incluída. A boísima entrada na Sala Capitol correspondeuse coa expectación que espertan.

A iso das dez e cuarto arrancou a intro instrumental de Rubén Marrón, o estupendo guitarrista acústico dos Arizona Baby que decote queda eclipsado nun formato con tanta instrumentación. A continuación “The News Today” abriu o repaso do álbum que titula, do que tamén brillaron “The Falcon Sleeps Tonight”, “El Rancho” ou “I Am (What I Am)”. Porén, un concerto de dúas horas tiña que ser completado con versións de clásicos, como corresponde a calquera banda con pouca produción propia. “Runaway” foi a primeira das celebradas versións, á que seguirían intercaladas e abondas na parte final “Wish You Were Here”, “Shakin’ All Over”, “Supernaut”, “Mr. Soul”, “I’m alive” ou o “Shiralee” dos Arizona Baby. Mención especial merece o “Pushin’ Too Hard” que cantou o batería Loza, impecable tamén o resto do concerto nos coros a Javier Vielba.

Se pensamos en Corizonas como unha banda nova, o concerto en conxunto estivo realmente ben, con algúns mois bos momentos; outros non o foron tanto, especialmente por mor dunha a instrumentación ás veces excesiva. Mais se consideramos o proxecto como unha unión de forzas, a solvencia dos intérpretes queda fóra de toda dúbida, pero o conxunto carece aínda da personalidade que Los Coronas ou Arizona Baby teñen por separado. Nun intento de resumir a sensación, semella que os temas propios son composicións achegadas por Arizona Baby e entregadas á experiencia na produción e a interpretación dos Coronas. A dúbida é sabermos se terán tempo e ganas para chegar a un maior punto de comuñón. Polo de agora, semella que o están a pasar ben e iso chega ao público que gusta dun bo concerto de rock and roll.

Tamén nese seguro de comodidade e bo son que é Sala Capitol, termos en seguintes datas do Compostela Rock os Diamond Dogs + Sugar Mountain o 25 de febreiro, Cooper o 1 de marzo, e máis adiante Mark Lanegan + Creature with The Atom Brain, Toy Dolls ou Leiva. Seguiremos informando.

Pepe Cunha, 11-febreiro-2012

AXENDA