nota:
Fisterra acollerá do 15 ao 17 de xuño o Fisterra Blues Experience, un festival que regresa a esta vila logo dunha exitosa primeira edición en 2017 na que a natureza, o patrimonio e a gastronomía se uniron ao blues. E volve con intención de consolidarse no panorama festivaleiro galego, con máis música, máis actividades e un día máis de festival.
Unha das presenzas máis destacadas é a de Corey Harris, o guitarrista de Denver que está considerado como un dos bluesman máis influíntes da actualidade. Harris, que tamén é antropólogo, recuperou o blues do Delta e en colaborado con Wilco, Billy Bragg, B.B. King ou Tracy Chapman, entre outros, e protagonizou un episodio dirixido por Martin Scorsese da miniserie documental “The Blues”. Grazas á súa variedade de influencias desde a raíz do blues ata a súa fusión con outros ritmos e sons, Harris labrouse unha sólida reputación como un dos músicos máis importantes de blues da actualidade, tanto entre os máis puristas como entre os máis aperturistas.
Nesta edición haberá máis bandas (dez), con máis presenza feminina e abríndose a novos estilos emparentados co blues, como o swing, o soul ou o rhythm and blues (R&B). De aí a presenza de grupos galegos como The Lákazans, que veñen de presentar o seu terceiro disco, ‘Sandwina’, Carla Green & The Demons, e Os Bregadiers, unha banda de rúa que tira de recursos do swing e do soul.
O blues europeo está tamén ben representado por Chris Kramer, un harmonicista alemán que incorpora o beatbox á súa aposta en formato trío. E a escena madrileña volve ter unha forte presenza: desde Edu BigHands, que se presenta en dúo co pianista vasco Paul San Martín; ata a Seydel Harp Attack; pasando por The Trashtoes e a Fisterra House Band, a banda residente do festival. Pola banda catalana chegan Wax & Boogie, que mesturan blues, R&B e boogie woogie.
Outras actividades
Alén dos concertos, tamén haberá jam sessions por toda a vila, obradoiros para toda a familia (un programa didáctico para nenos e nenas e outro de baile), ademais de viaxes en barco con música blues en directo e unha mesa redonda arredor da historia do blues.
A segunda edición deste Fisterra Blues Experience está organizada polo Concello de Fisterra, coa colaboración da Deputación da Coruña, e co patrocinio da cervexeira Mahou.