CoraSons

Decembro 23, 2013

Co Nadal en mente e coa súa elegancia habitual, Kalandraka publica este libro-cd-dvd (fotografías, músicas e un completo traballo audiovisual) sobre un proxecto que reúne un feixe de intérpretes galaico-lusófonos. Por isto e pola súa capacidade de xuntar compañeir@s artistas, non é de estrañar entón que a dirección artística vaia a cargo de Uxía, ao igual que no Cantos Na Maré, o Festival Internacional de Lusofonía. Se tes alerxia á palabra corazón ou procuras algo “cool”, chámese anovación, modernidade, son alternativo ou de moda, aforra seguir lendo. Porén, se pensas que o romanticismo sempre está vixente e que poderías facer un agasallo de presentación fermosa e ritmos populares con arumes do país, Brasil, Portugal ou Angola, esta pode ser unha recomendación ben acaída.

Malia que poda ser facilmente cualificada de proposta máis para un público maduro ou melódico, cancións como a brasileira “Quem disse?” (extraída do disco de Sérgio Tannus acompañado por Aline Frazao), a peza tradicional alentexana “A gotinha d”áuga” emocionante con Uxía, António Zambujo e o “low whistle” de Budiño, a vertente pop de Magín Blanco en “Taller de corasons” ou a versión de “Tum tum tum” por Tatán Cunha enganchan a calquera que se relaxe. Ao longo do álbum, sobre unha banda de músicos de solvencia recoñecida (Pablo Vidal, Sérgio Tannus, Quiné, Bruno Cardoso, Serginho Sales) altérnanse voces consagradas con outras menos experimentadas para lle dar ao traballo un ar máis familiar e recollido que solemne ou serio.

Máis dunha hora de música que dá para revisar pezas máis tradicionais (“Altinho”, “No corazón da cereixa” …), presentar composicións de Magín Blanco (“Bom-bom”, “Veludo e algodón”, “Dous sentimentos”…), letras fermosas de Xurxo Nóvoa Martins musicadas por Najla Shami, versións (“Suburbano coraçao” de Chico Buarque ou un “Desafinado” de Jobim e Mendonça máis experimental con Couple Coffee) e mesmo a nota de humor que pon Carlos Blanco con “Véxovos na consulta”, un “spoken word” sobre música do sempre eficiente Tannus. Ademais, entre as voces en solitario ou dúos “ad hoc” saliento gratamente a voz rota de crooner “maldito” de Tatán Cunha, actor e cofundador de Tanxarina títeres, contrastando coa máis doce de Xoán Curiel, o desexo romántico de Isabel Leal e Rui David en “Apartamento”ou o descubrimento de Pierre Aderne en “Coraçao manteiga”. A estas alturas do repaso só faltan por mencionar Ana Senlle, Chus Domínguez, Joao Afonso, Inês Salselas e a doutora Belén Cid.

Como sinalaba ao principio, o extramusical tamén ten un notábel valor de seu, coas fotos fermosas de Isabel Leal, detonantes desta aventura multiartística que creceu nunha noite de San Valentín na Casa das Crechas, e o documental de Paco Abellerira sobre esta historia de amizade, amor e música. Para velos e entender este traballo como algo máis grande e excepcional.

Pepe Cunha, 24/12/2013

AXENDA