Coque Malla

Marzo 22, 2014

Ciclo Sons do Jofre
nota:

O Teatro Jofre de Ferrol acolle o concerto de Coque Malla, un dos directos máis agardados na cidade neste primeiro trimestre do ano. O artista presenta a partir das 20:30 horas o seu último traballo “Mujeres”. Nel fai un exclusivo repaso ás mellores cancións da súa discografía, a través da obsesión central da súa obra: as mulleres e como sinala o propio Malla “ao marabilloso ceo-inferno que contén calquera relación amorosa”.

As entradas para asistir á actuación, enmarcada no Ciclo Sons Ferrol, teñen un prezo de 12 euros e pódense adquirir no despacho de billetes do Jofre ou a través de servinova.com. O día do concerto o prezo é de 15 euros.

De Los Ronaldos a Mujeres

Coque Malla (Madrid, 1969) inicia a súa carreira músical aos 16 anos en Los Ronaldos coa publicación do seu primeiro disco homónimo (EMI 1987). Nos anos seguintes saen á luz Saca la lengua (EMI 1988) , Sabor Salado (EMI 1990), Cero (EMI 1992), Idiota (EMI 1994) e o álbum en directo: Quiero que estemos cerca (EMI 1996).

A banda sepárase en 1997 e Coque Malla inicia a súa carreira en solitario co disco Soy un austronauta más (Sony 1999), onde experimenta con sons máis íntimos e persoais. Estes novos matices rematan de materializarse en Sueños (El Europeo/Karonte 2004), un libro-disco con 9 temas de ambiente orínico e melancólico, ademais de 23 escritos do propio artista sobre a irrealidade.

En 2005 Los Ronaldos volven unirse para realizar unha xira de 12 concertos. A experiencia é tan positiva e exitosa que deciden alongala ata o 2007. Publican xuntos o E.P 4 Canciones (Subterfuge 2007) e despídense de xeito indefinido co seu primeiro DVD en directo La bola extra (Warner 2008).

Coque Malla edita a continuación o seu terceiro disco en solitario La hora de los Gigantes (Warner 2009), co que obtén un enorme recoñecemento tanto de crítica como de público. O longa duración é declarado mellor disco do ano en varias publicacións musicais, levándoo a unha xira que se prolonga ata finais de 2010, con máis de 70 concertos e ducias de cartes de entradas esgotadas.

O poderoso e profundo Termonuclear (Warner 2011) afianza o éxito do artista, levantando pasións entre os seus fans e obtendo os mellores eloxios de xornalistas musicais de renome. O disco acada unha segunda vida no peculiar Termonuclear en casa de Coque Malla (Warner 2011). Trátase dunha versión acústica do primeiro, gravada na súa casa do campo, fronte a un reducido grupo de amigos e fans.

Co seu último traballo Mujeres (2013) Coque Malla fai un valioso repaso á súa discografía, no que interpreta algunhas das súas mellores cancións acompañado de 10 artistas convidadas, entre as que están nomes tan recoñecidos como o de Leonor Watling, Annie B. Sweet ou Alondra Bentley.

AXENDA

Facebook