Copiloto “Fundamental (10 revisitaciones y 1 canción desnuda)”

Novembro 20, 2024

Tras quince anos de traxectoria “con este alter-ego que adopté porque llamarme por mi nombre y apellido sonaba muy “cantautoril” y no era lo que se llevaba en ese momento”, o oscense Javier Almazán chega ao sexto álbum. Faino cunha parada para ollar atrás e darse o gusto de gravar ao vivo en estudio (o de Óscar Cubero en Zaragoza) dez das súas cancións cun tratamento novo, unha banda sólida e colaboracións. Unha idea que a estas alturas non pretenderá resultar sorprendente senón simplemente -e non é pouco- reivindicar a vida das cancións en si.

A presenza de invitadas soe ser un dos reclamos deste tipo de discos, pero é de xustiza mencionar tamén a banda que logra un son coherente, preciso e convincente: o propio Almazán nas guitarras e Alberto Solobera nas guitarras, Lorién Vicente (guitarra eléctrica, piano e teclados), Óscar Garza (baixo) e Daniel Moncayola (batería). Como era de esperar, as colaboracións achegan varios dos momentos atractivos do disco, como as guitarras de Juan Aguirre (Amaral) en “Tu cara cuando miras los aviones” e o hit “Yo no quiero a nadie”, onde brilla o dúo vocal con Nat Simmons. A máis folkie “Ser un libro abierto” atopa as invitadas ideais no dúo “acústico-rural” Ixeya, un dos momentos máis brillantes desde a súa sinxeleza. Tamén cómpre mencionar Eli López á voz e cajón flamenco na versión acústica de “Se lo tengo que decir”, Irene Gómez (Komando Komare) á voz e guitarra flamenca en “Ella dice” e Javier Aquilué (Kiev Cuando Nieva) nas dúas versións de “Se lo tengo que decir”.

O protagonista coméntao con honestidade: “He llegado hasta aquí a lomos de canciones y he decidido celebrarlo seleccionando y regrabando en directo algunas de las que en este momento considero que más me representan.” E tras a escoitas cómpre dicir que si, que “Fundamental” é un disco ideal, elegante, atractivo para que as amantes das fusións máis clásicas ou atemporais de letra e música recuperen ou se acheguen ás de Copiloto.

Pepe Cunha, 20-novembro-2024

escóitao aquí no seu bandcamp

repertorio

1.Dotes innatas
2.Tu cara cuando miras los aviones (con Juan Aguirre)
3.Yo no quiero a nadie (con Nat Simons y Juan Aguirre)
4.Ser un libro abierto (con Ixeya)
5.Se lo tengo que decir (con Javier Aquilué)
6.Todo irá bien
7.Ella dice (con Irene Gómez)
8.Crecer es matar a un niño
9.Ya me conoces
10.Fundamental
11.Se lo tengo que decir (versión acústica con Javier Aquilué y Eli López)

AXENDA

Facebook