Comezou a xira de regreso de The Homens, Sala MardiGras, 21-nov-25

Novembro 26, 2025

Din que a música en galego está a vivir o seu mellor momento porque hai maior atención e a catro ou cinco nomes lles está a ir ben, pero isto dá para debater noutro momento. O caso é que hai un par de décadas viviamos unha eclosión de propostas na nosa lingua que por primeira vez amosaba unha diversidade ampla de estilos. Entón, os nosos protagonistas eran quen abandeiraban a vertente do power-pop e similares. Se ben no último álbum “Cuarta potencia” incorporaban Cristovo aos teclados, a maior parte da súa traxectoria funcionaron coma trío e esa formación é a que regresa agora. Fano porque lles presta e para gozo de quen os seguiamos daquela e, xa de paso, para (re)coñecemento das ouvintes que se incorporaron cos anos.

Roi (baixo) e Martín Wu (guitarra e voz) non deixaron de compoñer e tocar en dúo portátil coma Grampoder (tamén a reivindicar), mais as circunstancias vitais que antes dificultaban a continuidade de The Homens agora propician que Xocas (batería) estea dispoñíbel. Como as ganas de retomalo sempre estiveron latentes, no festival Psicotroita deuse a oprtunidade e houbo toma de contacto perante o público. Como resultado, aquí temos unha xira de regreso da formación orixinal.

A Sala Mardi Gras da Coruña foi o palco dun primeiro concerto recibido con boa entrada malia estes tempos complicados para as salas, entre outras cousas pola burbulla festivaleira que crea unha realidade inxusta e falsa sobre o que é participar da música ao vivo todo o ano. Se fora ía unha noite fría, dentro do templo roqueiro coruñés sentíase a calor do reencontro, de revivir concertos pasados e de corearmos un repertorio á altura ou superior doutras bandas ás que lles foi mellor en popularidade. Porén, o tempo pasa, idealizamos os bos momentos pasados e talvez non nos comportamos coma mesma efusividade desde o público. Iso si, eles recuperaron as camisolas a raias e a entrega no palco aínda que, loxicamente, falte esa rodaxe que darán os directos. Abriron con “Perfecto” e, antes do bis cun par de versións, fecharon con “Prende o sol”. Do álbum “Tres” só faltou “Opositora” (alguén a pediu XD) e tamén interpretaron “Tigre, tigre”, a resentida “Abdul”, “Verán sen fin”, “En Malta”, “Non podo máis” e “Desaparece”. Ademais, presentaron un par de temas novos (“Ondas de expansión” e “Onde ti estás”), o que apunta un novo traballo de estudio.

Virán concertos mellores de calidade e maior conexión co público, pero a toma de contacto coa nova etapa foi positiva. Quedou claro que The Homens teñen repertorio, carisma e un público que aprecia as súas cancións. Lembrando aqueles títulos de Zappa e Supergrass, non están “In it for the money” senón por ganas.

Pepe Cunha, 26-novembro-2025

AXENDA

Facebook