nota:
O xoves 10 comeza no Teatro Principal de Santiago de Compostela a primeira edición do Festival Sons Tránsitos cunha sesión dobre: o máis destacado representante da música tradicional española: Eliseo Parra, e a proposta galego-flamenca de Amesmalúa.
Eliseo Parra é un apaixonado da música que comezou no rock e no jazz e rematou rompendo moldes na música tradicional. Hoxe en día Parra é un dos máis indiscutibles baluartes das músicas de raíz da Península. Logo dos álbumes ‘Dez’ (2009) e ‘Contradición’ (2012), Eliseo presentará en Sons Tránsitos o seu máis recente traballo ‘Canciones Tradicionales Riojanas’, un estudo histórico e etnomusical sobre o cancioneiro tradicional da Rioja con 16 temas interpretadas por el mesmo coa colaboración de varios músicos do seu grupo e doutros amigos.
Romances, cancións de carnaval, corros, jotas, nanas… unha representativa selección do folclore rioxano pasado polo lustroso tamiz de Eliseo Parra que, sen perder a esencia e o respecto á tradición, converte cada canción nunha festa, unha canción de corro nunha peza jazzeira con moito swing e unha albada nunha sesión de salsa.
Amesmalúa presenta en Galicia o seu último CD, “La misma luna”: cancións tradicionais galegas en clave flamenca. Gautama del Campo e a extremeña de orixe galega Manuela Elena comezan a traballar na fusión de cantos tradicionais acompañados por ritmos e paos flamencos. Cantando na lingua da súa avoa paterna, Manuela lembra cancións populares que aínda están presentes nas festas e xuntanzas da súa aldea galega. Máis tarde, as guitarras flamencas de Juan Maya encargaranse de arroupar estes cantes engadíndolle todo o seu talento e xenialidade.
Amesmalúa é un grupo de músicos de distintas orixes que propoñen unha viaxe de encontros, unha maridaxe de memoria e paixón entre o flamenco e a canción popular galega, nunha proposta ligada ás músicas con raíz no folclore. Ademais de coplas, cantigas e adaptacións, Amesmalúa tamén creou temas propios, coa impronta do seu carácter aberto, mestizo e creador.
Festival Sons Tránsitos
O Festival aterra no Teatro Principal con sete concertos en tres noites, de xoves a sábado. Na segunda xornada (venres 11) poderemos ver a Pedro Pastor (fillo de Luis Pastor e Lourdes Guerra, e sobriño de Pedro Guerra), un cantautor novo que xa está a destacar no panorama estatal. E tamén poderemos escoitar a Chico César, un dos máis destacados representantes da música brasileira, que nos presenta o seu espectáculo “Aos vivos Agora”, que repasa toda a súa carreira. Virá acompañado de Dani Black, un dos novos valores da música deste país.
Na última xornada poderemos disfrutar de tres concertos: La Musgaña, que presenta “Entre dos”; Pentalfa, un novo proxecto musical galego, con cinco músicos ligados a Luar na Lubre, entre os que se encontra Bieito Romero; e, por último, Acetre, un dos grupos tradicionais máis veteranos de Estremadura.
Diversidade Cultural
Tránsitos, festival da mobilidade e da diversidade cultural, iniciou a súa andadura no Auditorio de Tenerife hai agora sete anos, sendo un Festival que en pouco tempo conseguiu transcender as fronteiras do arquipélago pola súa orixinalidade na posta en marcha e pola aposta arriscada da súa programación, mantendo como prioridade a calidade dos grupos. Froito da colaboración do Festival co Concello de Santiago, en Compostela nace como Festival Sons Tránsitos.
Trátase dun evento que decidiu apostar pola itinerancia, por unha actividade cultural de calidade, innovadora e creativa baseada na música de distintas localidades de todo o Estado e do Mundo, comezando a súa nova andaina en Madrid, onde colleitou un grande éxito de público na Sala Galileo Galilei, chegando agora a Santiago de Compostela e proximamente a outras cidades como Cáceres ou Logroño.
O obxectivo de Sons Tránsitos é consolidar en Santiago de Compostela un punto de encontro da música e da cultura, fomentando a participación de todos e a diversidade que nos rodea, a través dunha programación fortemente enraizada na música tradicional. As novas formas de fusión, os ritmos máis actuais, as tendencias máis innovadoras e os sons e melodías máis acordes aos nosos días tamén terán cabida en SONS TRÁNSITOS, que nace con vocación de continuidade no tempo.
Sons Tránsitos está producido por Mirmidón Producciones e forma parte da programación cultural do Concello de Santiago. As entradas están á venda en http://entradas.novagaliciabanco.es. O prezo por xornada é de 15 euros, con bonos para as tres noites por 35 euros.