Cando comentamos nesta web o seu primeiro álbum “post-Mistakens”, botabamos en falla “máis argumentos no musical.” Nesta continuación, a banda coruñesa entrega unha colección de doce cancións caracterizada por unha maior variedade estilística e sofisticación que a de “Decencia y buen gusto”. Ben apoiados nas guitarras, teclados, sintetizadores e a base rítimica, seguen a procurar esa melodía con gancho, a interpretación con enerxía e unhas letras suxestivas, mais agora viaxan por diferentes estilos e tendencias do pop-rock, chámense power pop, garaxe, psicodelia, electrónica ou disco.
Comezan co pop clásico en “La explicación”, seguen cun notable single que vai máis polo power pop (“Causa perdida”) e á altura de “Canción de amor digital terrestre” xa cheiramos ese arume espacial à la Bowie. Aínda non chegamos á metade do álbum e xa nos fan bailar nunha onda Kaiser Chiefs, The Hives ou Franz Ferdinand na canción homónima do álbum e en “Todo te da igual”, para deseguido dar outro xiro co medio tempo “Por tu bien” e os seus ecos new-wave. E así van picando, con predominio de acertos, até completar o álbum versionando a Brian Eno con aquela “La aguja en el ojo del camello” que gravaran nos Estudios Bonham e coñeciamos dun single do 2009. O álbum de seu foi gravado hai uns meses nos estudios Abrigueiro de Friol con Arturo Vaquero e Jahel Piñeiro, que se encargaron de plasmar esas melodías pop con enerxía rock ou ese rock con espíritu pop dunha banda que amosa unha personalidade propia e unha erudición menos habitual do desexable no panorama actual.
Porén, non debemos quedar só no musical, porque nestes tempos duros tamén apostan pola independencia editorial e un salientable deseño: CD convencional, edición deluxe limitada a 300 copias numeradas a man en vinilo branco e acompañado do CD, ou descarga dixital. Agardemos teñan recoñecemento polo seu traballo e moitos concertos, porque este disco paga moito as escoitas.
Pepe Cunha 14-abril-11.