Combo Dinamo “1”

Xaneiro 13, 2014

Talvez sexa inevitábel introducir esta banda coruñesa como o proxecto posterior a The Mistakens, pero xa con dous álbumes gañaron un nome de seu. Especialmente co paso adiante que supuxo o segundo é moi notábel “Quieto, muere, resucita!”. Pasaron case 3 anos e agora veñen calmar as ganas que tiñamos de novas cancións cun EP de catro novas e unha edición limitada a 100 copias.

Repiten nos estudios Abrigueiro de Friol con Arturo Vaquero e as cancións amosan continuidade e consolidación dun son de banda “new wave”. Pensemos que baixo esa referencia englobamos diversas influencias que esa época cubriu na mestura de pop e rock máis ou menos clásicos coa querencia polo baile, efectos electrónicos e sintetizadores. Abren cos máis puramente “Una vez más”, un “hit” immediato, pero deseguido amosan certo recollemento e intimidade en “Sol y sombra”. “Hoy no iba a bajar” funciona a base dun retrouso universal e o repaso a locais da noite coruñesa e “Asunto egipcio” é un ritmo vicioso de new wave.

Evidentemente sabe a pouco, pero é posíbel que esta aposta polo EP non sexa algo accidental e decidan ir editando con máis frecuencia cancións novas, inmediatamente despois da composición e gravación. Este formato reflicte máis un momento punctual de influencias, ánimos ou apetencias en tempos algo convulsos para o formato álbum e temos exemplos similares nos últimos tempos de Cooper ou Siniestro Total.

Bule a contactalos no seu bandcamp antes de que se esgote esta tirada.

Pepe Cunha, 13-xaneiro-2014

AXENDA

Facebook