A Casa das Crechas pecha hoxe mércores as celebracións do seu 25 aniversario cun concerto no Teatro Principal da revelación do panorama tradicional da Península: a orquestra de percusión ibérica Coetus coa voz de Eliseo Parra. Será ás 21 horas e as entradas están á venda en https://entradas.novagaliciabanco.es e na propia Casa das Crechas (12€ anticipada, 15€ billeteira).
Catorce percursionistas e varias voces lideradas por Eliseo Parra poñen en escena un diálogo entre percusión e voz sorprendente. Sevillanas, bailes populares casteláns ou baleares, seguidillas e outros ritmos recréanse no proxecto de Coetus con morteiros, cañas, zambombas, pandeiros, cántaros, tabais e outros moitos instrumentos.
Coetus é un atrevido proxecto de orquestra de percusión ibérica. Definir a proposta é tan sinxelo como iso, aínda que, coma sempre, o trasfondo que a sostén chega moito máis lonxe do que pode suxerir unha rápida e breve definición como esta. Na Península Ibérica temos unha colección de instrumentos de percusión, a maioría pouco ou nada coñecidos, que ao longo da historia serviron para acompañar as cancións, os romances, as procesións, as festas e os bailes propios dos diferentes pobos que partillamos este anaco de terra. Trátase de instrumentos como os pandeiros, as cañas, as zambombas, cousas de uso cotián (cántaros, morteiros, potas…) ou tambores diversos.
A proposta de Coetus é traballar nos sons de todos eles para crear unha linguaxe propia e nova, inspirada nos ritmos tradicionais e nos diálogos coa voz. Para conseguilo, sobre o escenario atopamos a dezaseis músicos reforzados pola presencia do mestre Eliseo Parra, figura imprescindible paraentender a restauración das músicas tradicionais da Península.
En 2012 presentaron o seu segundo disco, ‘Entre Tierras’, que foi elixido entre os 10 mellores traballos folc por parte da revista musical Mondosonoro. Este é o seu único concerto en Galiza.
Eliseo Parra
O vallisoletano Eliseo Parra é un dos máis destacados cantantes de música tradicional da Península que ademais mantén desde sempre unha fructífera relación con Galiza. Foi produtor do disco de Chouteira ‘Folla de Lata’ e tamén de ‘Árnica Pura’, do artista Davide Salgado. Ademais de colaborar con varios músicos galegos, impartiu ‘master classes’ no Conservatorio Folque de Lalín.
Eliseo Parra (Sardón de Duero, 1949) comezou a súa carreira musical nos anos 60 en grupos de rock, continuou no jazz e logo comezou a investigar a música tradicional castelá. Hoxe o seu labor máis coñecido é o de divulgador e renovador da música tradicional española.
Inicia a súa carreira en solitario nos 90, centrada na revisión do repertorio tradicional do folclore español desde parámetros musicais contemporáneos, con influencias das músicas tradicionais doutros países, da música caribeña, do jazz e do rock. Publicou nove discos en solitario.
Además de como intérprete, Parra realizou traballo etnolóxico de campo en colaboración con José Manuel Fraile. Froito desta colaboración son os libros Romancero tradicional de la provincia de Madrid, Cuentos de la tradición oral madrileña, La poesía infantil en la tradición madrileña e El mayo y sus fiestas en tierras madrileñas.
http://www.youtube.com/watch?v=gIDGLBagTd4 (vídeo ‘Entre Tierras’)
Poden obter máis información na súa web: