Coanhadeira

Marzo 27, 2015

nota:

O concerto será no Teatro Principal o venres 27 de marzo ás 20.30 horas e a entrada custa 5 euros. Tras este concerto, a banda visitará a Salasóns de Cangas (5 de abril) e Vilar de Santos (11 de abril)
No disco, que inclúe un total de once novas cancións entre composicións propias e versións de temas tradicionais, colaboran músicos como Gonzalo Abelairas, Gutier Álvarez, Diego Pérez e Ugía Pedreira, como letrista dun dos temas

Coanhadeira ofrece nas próximas semanas unha serie de concertos para dar a coñecer o que será, tras Haique e Po, o seu terceiro disco de estudio. Titulado Bicos con luvas, o álbum recolle un total de once cancións entre composicións de autoría propia e novas versións de cancións tradicionais. O público atopará nesta nova entrega discográfica unha Coanhadeira que lle dá continuidade ao seu traballo anterior e amosa a súa evolución artística desde a súa creación en 2006. O primeiro concerto foi en Compostela e o segundo será o próximo venres 27 de marzo ás 20.30 no Teatro Principal de Ourense. As entradas custan 5 euros.
O título do álbum coincide cun dos seus temas e escolleuse pola forza figurativa dunha frase que transmite imaxes diferentes a cada persoa que a escoita. Porque, no fondo, para Coanhadeira aí reside a esencia da súa música: a transmisión de ideas, sensacións e emocións diferentes a través das melodías que lle ofrecen ao público. Por iso escolleron esa canción e ese título, un nome aberto que lle outorga ao espectador a capacidade de imaxinar, de crear diferentes imaxes ao escoitar tanto a canción como simplemente o seu título.
Bicos con luvas encabeza así un conxunto de cancións que inclúe temas de autoría propia como, ademais da canción que lle pon nome ao disco, Pasatempo, Nuno ou Eu ben sei. Esta última, musica de forma totalmente orixinal unha coñecida letra de Rosalía de Castro e é unha canción que xa está a ser difundida pola rede. O seu vídeo serve de agradecemento a todos os mecenas que colaboraron na campaña de Verkami lanzada polo grupo para producir este álbum.
Por outra banda, tamén se atopan no disco outros temas escritos por colaboradoras que se uniron a esta nova proposta de Coanhadeira. É o caso de Ugia Pedreira, quen elaborou a letra de Ézaro ou Bea Mariño, quen se encargou de escribir o tema do álbum A Xota de Noela. Son dúas das diversas colaboracións que inclúe Bicos con luvas, no que tamén participan o violino de Gutier Álvarez, o contrabaixo de Diego Pérez, a gaita de Gonzalo Abelairas ou Noela de Maceda, unha nena e alumna da cantante Patricia López que achega a súa voz n”A Xota de Noela.
O Teatro Principal de Compostela foi a primeira parada dunha serie de concertos de presentación que Coanhadeira emprenderá nas próximas semanas. Dese xeito, a banda visitará o Teatro Principal de Ourense o venres 27 de marzo, a Salasón de Cangas o domingo 5 de abril e A Arca da Noe en Vilar de Santos o sábado 11 de abril. En todos estes directos, o público poderá coñecer todas as cancións do seu novo disco, que se mesturarán no repertorio con temas anteriores dunha formación que amosará diante dos espectadores a súa propia evolución dende a súa creación no ano 2006.
Coanhadeira
Nalgúns lugares de Galicia, as coanhadeiras eran aquelas mulleres responsables de varrer os restos do cereal logo das duras xornadas da malla. Tamén recibían ese nome as vasoiras que empregaban e, no fondo, o grupo Coanhadeira naceu no ano 2006 con ese mesmo espírito de recollida. Porque esta formación de música folque vive entregada a amosar aqueles “restos” musicais conservados até os nosos días a través da tradición oral da cultura galega. Grazas á beleza das melodías tradicionais e aos seus directos cargados de forza, nos últimos anos esta banda acadou numerosos recoñecementos. Dese xeito, convertéronse nos triunfadores do IV concurso Nsaio na sección FOLK e proclamáronse gañadores do Certame Folk Escenario PRAU (Cantabria). Levaron o segundo premio no Folk Folkez Blai e ficaron de finalistas do Escenario Runas do Festival Intercéltico de Ortigueira.
Os galardóns chegáronlle á formación durante as súas múltiples visitas aos principais escenarios folk do sur de Europa, como son o Festival de Pardiñas (Galicia), A Carballeira de Zas (Galicia), o Escenario Runas do Festival Intercéltico de Ortigueira (Galicia), Sauga Folk (Cantabria), Trobada de Buners (Andorra) ou o Festival Interceltique de Lorient (Francia).
Neste 2015, lanzan tras un longo período de preparación, o seu novo álbum: Bicos con luvas, co que pretenden realizar unha nova achega á música feita en Galicia, facer bailable calquera lugar e ateigar os escenarios dun poder percusivo, de letras sorprendentes e atmosferas sutís co selo de calidade propio de Coanhadeira. Este é o terceiro disco da formación, tras os xa citados Haique e Po.
Coanhadeira son:
PATRICIA LÓPEZ: voz e percusión
XERARDO QUINTELA: Acordeón
CHECHU PÉREZ: Gaitas e zanfona
KINHOS SABURIDO: Percusións
ÓSCAR FREIRE: Saxo soprano e tenor
SAMUEL SOTO: Bouzouki
EFREN NÓVOA: Baixo

AXENDA

Facebook

11 hours ago

Ábrete de orellas
hoxe mércores Narci Rodriguez no Jazz Filloa coruñés#RESERVA ENTRADAS: jazzfilloa@jazzfilloa.comAFORO LIMITADO!! ... See MoreSee Less
Ver en Facebook
20:30 h.
Teatro Principal, Ourense.
5 €