A xira “Midas” levaba as Tanxugueiras outra vez ao Pazo da Cultura de Narón, onde estiveran en decembro de 2020 coa de “Contrapunto”. Este seu segundo traballo e a grande cantidade de concertos (aquí ao lado, en Neda, estiveron en decembro) estaban a popularizalas xa abondo entre seguidoras da música tradicional do país. Apreciabamos a calidade e o carisma que agora o fenómeno mediático do Benidorm Fest estendeu até un nivel de popularidade nunca visto para unha artista galega que vén do tradicional. Para esta quinta cita, primeira con publico sentado, esgotaran as case mil entradas en dúas horas.
Alguén que leva seguíndoas desde hai varios anos repara no público aínda máis heteroxéneo que agora moven. Hai xente madura e maior que gosta do tradicional, sexa ou non interpretado dun xeito máis actual; hai persoas que nunca vemos en concertos pero que senten o atractivo de ver e escoitar unha proposta popular; e, por suposto, rapaciñas que ven en Olaia, Sabela e Aida uns referentes que contaxian amor pola diversidade, a cultura propia e mesmo unha invitación a se apuntaren a clases de canto e pandeireta. Aquí todas son benvidas e xuntas crean unha expectación que se manifesta en berros e aplausos en canto se fai a escuridade.
Como na xira anterior, escóitase unha cantareira nunha gravación de campo e deseguido comezan as percusións. Nas máis tradicionais, Isaac Palacín, e nas electrónicas, Iago Picos, o último en incorporarse e co-responsábel da produción das pezas publicadas tras o álbum “Contrapunto”. Desde xa, constatamos máis potencia nas luces e no son e, coa aparición das nosas protagonistas, un chisco máis de sofisticación na coreografía. Porén, baixo esta amplificación ao vivo segue a estar toda a esencia das Tanxugueiras: a forza das pandeiretas e as voces traballadas e combinadas en polifonías que nos atrapan. “Isto é o que somos, o que seremos e non esqueceremos” dixo unha Olaia aqueixada de sinusite e emocionada para presentar unha pequena parte máis espida e recollida no medio da actuación. “O querer”, “Miña nena” e a colaboración con Muerdo “Cambia todo”, cantada mentres sentaban ao borde do escenario, baixaron o ritmo pero aumentaron a emoción. Antes soaran pezas do próximo disco, “Telo”, “Averno” (coa voz de Rayden), algunhas de “Contrapunto” (“Malquerenza”, “Perfidia”, “Albedrío” …) e na parte final faríano as celebradísimas “Figa”, “Midas” ou “Terra”. Ademais, non esquecen agasallarnos con ese momento dub ao que xa nos tiñan acostumadas e que tanto invita a deixarnos levar polos seus movementos sobre as táboas. Difícil non poñerse en pé para acompañalas.
En resumo, o novo espectáculo ofrécemos un repertorio ben combinado entre o que coñeciamos e o verniz máis actual e marcado de músicas urbanas. As Tanxus seguen a ser elas e a creceren, a traballar dende a súa identidade e, aínda que non agochan a súa espontaneidade, semellan controlar os comentarios e non rachar o ritmo da actuación máis do necesario. A xira “Midas” será un fito dentro das nosas músicas por chegar a tanto público, pero tamén por facelo desde a nosa identidade e con tanta calidade e adaptación aos tempos. Se intuíamos que viñan para quedar, agora sabemos que o fan cun paso firme que lles permite estar á altura do que se montou en torno a elas. Os produtos de mercado máis artificiais ou con menos verdade sempre estarán aí, pero talvez poñermos o foco noutras propostas probablemente mudaría o panorama mediocre.
Pepe Cunha, 12-abril-22