clara pino & pablo vidal “nowhere”

Decembro 13, 2016

Nestes tempos de reestruturación e incertidume na “industria musical” temos acceso a máis propostas que nunca. Gravar e editar un disco cunha certa calidade técnica é moito máis barato, pero as canles de difusión que peneiren con atención son poucas e decote condicionadas por un mercado demasiado manipulábel. Neste contexto, quedan agochadas propostas interesantes asinadas por músicos que ao mellor non lles cunden ás discográficas pero que si nos poden refrescar mentes e ouvidos. Como até aquí non vos descubrín nada novo, permitídeme que vos presente o primeiro traballo do dúo Clara Pino e Pablo Vidal.

Clara Pino é unha arpista e vocalista á que coñecimos hai unha década en Sete Saias, dúo con Marta Quintana. Ao contrabaixista Pablo Vidal podedes atopalo en multitude de proxectos, coma músico e produtor, dos que aquí temos falado: Tatán “Chapeu”, Corasóns, Os Resentidos … e o seu propio Pablo Vidal Trío de jazz. Entón temos un dúo de arpa e contrabaixo que se xuntan para compartir textos poéticos e músicas propias nunha proposta de intimidade, de música e literatura, para ser escoitada atendendo aos matices. Estas nove cancións (oito letras orixinais e unha do poeta medieval Mendinho) veñen precedidas de cadanseu texto asinado pola propia Clara.

A gravación realizouse nun estudio caseiro, a AldeaGlobal, canda a Ría de Arousa, e iso casa cunha produción cálida, próxima, sinxela, como a atmosfera que procuran. Porén, iso non significa que non sumen colaboracións punctuais para enriquecer as cancións, como as percusións de Roi Adrio, o violoncello de Mila García, o acordeón de Sabela Dacal e a guitarra de Rafa Otero. Estas dúas últimas achegas coinciden nunha das pezas que máis me gustan: “Mar alcolizado” co seu ar de blues. Outras salientabeis parécenme “San Simón” (con videoclip de Delio Sánchez) con ese achegamento entre cantiga medieval e arpa que tan ben funciona, unha “O colo da lúa” que tira máis ao Brasil, “Ti fas que me senta tan especial”, “Para non pensar en ti”… para falar de amor, desamor, a calma que dá a experiencia, a conciencia de ser humano, a soidade…

En resumo, un disco diferente, honesto, relaxante coma a proximidade dun mar e, por tanto, nada soso, con fotos acorde de Juan Luis Rúa. Iso si, o título non lle acae, aínda que o xustifican inspirado por Marc Augé para referirse “aos non lugares…aos lugares de tránsito..eses lugares que non son de ninguén.” Por que non atoparse con eles nun “Ningures” canda a calidez dun lume ou un solpor ?

Pepe Cunha, 13-decembro-2016

AXENDA

Facebook