nota:
Cando uns bos amigos se unen para facer o que máis lles gusta, teñen as mesmas inquedanzas e ven o mundo de xeito semellante…Cal é o resultado? A resposta é sinxela: Chotokoeu, 10 anos facendo un soño realidade con máis de 500 concertos en 13 países. E non é só un grupo de músicos, se non tamén un colectivo 100% autoxestionado que organiza as súas xiras, deseña, prepara campañas de publicidade e todos os traballos que non se ven enriba do escenario. E por se fora pouco, tamén se pon do outro lado e organizan eventos, festas e un festival multidisciplinar que vai pola súa 6ª edición, o “Vibra Balboa”.
A banda nace na Coruña (Galicia) no 2007 do impulso musical máis antigo: a percusión. Sen ser unha formación oficial, surxe o xerme do que sería o grupo cando, sen contar todavía con instrumentos harmónicos, compoñen unha canción que cantaba “O ritmo que bailas cho toco eu”. Nese punto únense ao proxecto diferentes membros ata chegar á formación actual. Amig@s con puntos de vista comúns pero gustos moi diversos. Isto vese reflectido nunha música moi ecléctica mesturando ritmos swing, rock e balkan con letras moi variadas en galego, castelán, inglés, francés e italiano (cun estribillo en bereber porque non todo é Europa) que falan da loita social, letras positivas e historias profundas ou absurdas. Con só 2 anos de vida, no 2009 Chotokoeu gaña xa o seu primeiro concurso a nivel autonómico, o “Galiza Crea”.
O 2012 é un ano clave. Tocan na sala máis importante de Galicia, a “Capitol”, xunto a La Pegatina cun aforo completo. De aí sae o seu primeiro disco “Live at Capitol”. Vendo o éxito que teñen na súa terra natal deciden profesionalizar o proxecto, mercar unha furgoneta, “a prima”, e embarcarse na súa 1ª xira europa na que, para comezar forte, o primeiro concerto fora da súa rexión é no escenario principal do “Fusion Festival” en Alemania. Ao ano seguinte deciden meterse por primeira vez nun estudo de onde sairá o disco homónimo “Chotokoeu”. Co pequerrecho recén nacido había que presentalo e, como lles gusta tanto o asfalto, volven a montarse na “prima” para, como o ano anterior, facer 2 xiras europeas e outra nacional, rematando o ano cun tour galego chamado “15 días 15 bares” tocando 15 días seguidos demostrando que a enerxía estaba a tope.
No 2014, sendo xa unha das bandas máis internacionais de Galicia, como non podía ser menos, Europa volve a ser obxectivo de Chotokoeu. A banda ten xa moita experiencia no directo e non lle tremen as pernas cando comparte escenario con xente de talla mundial como Gentleman ou Manu Chao. O ruído que está facendo no estranxeiro fai que resoe por España e chega así á “Sala Caracol” de Madrid con todas as entradas vendidas. Ao rematar o nadal teñen ganas de facerse un regalo a eles mesmos e aos seus seguidores, así que se van ata Pau (Francia) para gravar o seu 2º disco de estudo “Saír a Voar”. Comezan a xira de primavera enchendo salas en diferentes cidades como Oviedo, Madrid ou León e gañando o Festival de Música de Trebujena (Cádiz). Sen tempo de voltar á casa, comezan o seu 6º tour europeo e ao voltar á península tocan no “Iboga Summer Festival” onde se reúnen 20.000 asistentes e bandas do nivel de Dubioza Kolektiv, Goran Bregovic ou Alpha Blondy
Co seu característico concerto cheo de enerxía, potencia e bo humor convértese, según os organizadores e os asistentes nas redes sociais, no grupo revelación do festival, gañándose a praza para voltar na próxima edición. No 2016, moi conscientes de que o ano seguinte é o seu 10º aniversario, deciden centrarse nunha xira peninsular (Madrid, Barcelona, Granada,…) e concertos en Francia e Suíza. Volven a encher salas e deixar encantados aos asistentes que os descobren por primeira vez. Á marxe dos seus concertos, as producións que levan a cabo van vento en popa. As “Noites de Luz” que organizan na súa cidade natal fixéronse emblemáticas na noite coruñesa grazas á gran calidade dos grupos que traen a tocar, e o “Vibra Balboa” consegue, por segundo ano consecutivo, vender todas as entradas de maneira anticipada.
Na actualidade a banda está presentando o seu novo show. As ganas de facer un espectáculo diferente e que sorprenda están moi presentes para celebrar por todo o alto estos 10 anos xunt@s. Sen dúbida Chotokoeu dará moito que falar este 2017 onde grandes proxectos están na mente dest@s 6 músic@s tan soñadores.