Hai un tipo de artistas que ás súas notables cualidades interpretativas unen ao vivo un don especial para comunicarse e conectar co público. Unha delas é, sen dúbida, China Moses. Quen estivo no Ágora o pasado sábado ben sabe ao que me refiro. Acompañada polo seu fiel piano e arranxista Raphäel Lemonnier e unha magnífica sección rítmica, presentou case todo o seu último álbum “Crazy Blues”, no que, como explicou, repasa cancións popularizadas por vocalistas que influíron ou foron influídas por Dinah Washington, a raíña do blues. Para ser máis xustos, temos que dicir recrean, pois o seu traballo con Lemonnier achega nova vida ás cancións.
O comezo coa presentación radiofónica da voz en off preparaba o ambiente para todo un concerto-clase de blues e jazz clásicos. Ademais, os catro músicos xuntábanse no centro do escenario, como se necesitasen proximidade, ese case-contacto máis propio dunha sala pequena, dun club. Aínda que en realidade estabamos nun auditorio, o magnífico son do Ágora e a presencia escénica da filla de Dee Dee Bridgewater crearon un ambiente axeitado.
Cun sorriso perenne e unha fascinante expresividade natural, China Moses ía insertando nas pausas a dose xusta de didactismo e entretemento ás cancións que recreaba. Aquí amosou en plenitude a súa faceta de locutora de radio; das de verdade, non de radiofórmula. Xa fose unha referencia a como coñeceu a canción, algunha anécdota da vocalista reivindicada ou a mensaxe da letra, todo valía para que o público nin asomase do peto no que nos meteu desde o inicio. E non é que o necesitase por paliar ou compensar algunha limitación artística. Nin de lonxe! En hora e media, e co repertorio elixido, tivo tempo abondo para amosar a súa versatilidade vocal e expresividade corporal. Ela e os seus músicos, que non desmeceron nin un chisco canda a protagonista, porque non foron poucos os solos marabillosos que nos regalaron.
O recordo a Dinah Washingto abriu e puxo fin ao repertorio principal (“Lover, Come Back to Me” foi a única peza que recuperou do disco que xa a trouxera de xira), pero tamén insertaron no medio “You”re Crying” (escrita para ela por Quincy Jones ). Lembrou a Bessie Smith, Etta James, Little Esther Philips, Mamie Smith ou Nina Simone por partida dobre. Probablemente aquí, en “Work Song” estivo o maior lucimento instrumental, como amosou a prolongada ovación do público.
Porén, houbo unha excepción ás versións, que foi “The Mailman The Butcher and Me”, dedicada a personaxes masculinos típicos do blues, como Dr Feelgood, o dentista de Long John Blues ou o técnico de televsión de “T.V. Is The Thing This Year”. Coma bises, outras dúas magníficas reinterpretacións de Ann Peebles, non incluída no álbum, e Donna Summer. Un final en todo o alto para un concerto que mantivo a intensidade como poucas veces acontece.
Delicadeza (sobrecolledora “Just Say I Love Him”), puro entretemento (“Crazy Blues” sentada co micrófono de época), sensualidade (“I Just Wanna Make Love To You”) … Unha actuación de China Moses é todo un espectáculo de virtuosismo, simpatía e boas vibracións emitidas desde o escenario. Na despedida comentou que non hai dous sen tres, así que esperemos lle tomen a palabra e volva pasar por estes lares. Se nos fiamos dos seus sorrisos e agradecementos, seica por ela non vai quedar. Concertos así e un Ágora cheo avalan este ciclo Jazzatlántica.
Pepe Cunha, 3-decembro-2012
listaxe de cancións:
“Resolution Blues”
“My Kitchen Man”
“I Just Wanna Make Love To You”
“Cherry Wine”
“You”re Crying”
“The Mailman, The Butcher and Me”
“Work Song”
“Just Say I Love Him”
“Lover, Come Back to Me”
bises:
“I Can”t Stand the Rain”
“Hot Stuff”