celebrando 20 anos de “Paralaia”, o debut de Xosé Manuel Budiño: reedición e concerto especial

Novembro 28, 2016

Tras moitos anos sen copias dispoñibeis do disco, nin seguera en plataformas dixitais, Budiño presenta a reedición do seu debut “Paralaia”. Vanse cumprir 20 anos desde que vira a luz e por este motivo no Culturgal de 2016 presentarase e es-*tará á venda unha reedición máis que xustificada. “Paralaia” regresa remasterizado por Arturo Vaquero en Abrigueiro Estudios sen o engadido de extras musicais de ningún tipo pero si acompañado dun libro deseñado, maquetado e ilustrado espléndidamente por Ana Zon. Coma proba, abaixo a ilustración para “Lóstregos”

No seu día, no 1997, “Paralaia” colleitou críticas notabeis e recoñecementos a nivel internacional, algúns reflectidos nesta reedición, e contribuiu ao achegamento de moito público á música feita desde o coñecemento da raíz tradicional. O gaiteiro de Moaña comezara na escola de gaitas “Semente Nova” da súa vila e na Universidade Popular de Vigo, colaborando con nomes notabeis da escea folque, mais continuou a crecer coma músico co Laboratorio de Creatividade Musical de Jazz en Vigo e traballando con artistas de diferentes estilos.

Por isto, “Paralaia” deu coma resultado un debut dos que causa sensación, dos que esborraxa etiquetas ou fronteiras estilísticas cun nivel compositivo notábel que leva un disco á altura de rachador ou referente. Por citar só un exemplo que xustifique esta afirmación, recuperemos “Lóstregos”. Porque pasan case 20 anos e un reencóntrase co virtuosismo de Budiño nas gaitas e frauta e tamén cos de Jacky Molard, Söig Siberil ou Kepa Junkera, coa nosa música tradicional, o jazz, o funk ou o rock, porque todo vale cando cada composición remata ben aquelada. Ademais, a presenza galega refórzase co descubrimento de Mercedes Peón (faltaban uns aniños para o seu debut, outro grande da nosa música) coma compositora e cantante: “Aire do Cruceiro” quedou coma un clásico. E se falamos de composicións propias, a que titula o álbum , “Rapa Bestas”, “A fonte da Pedra” e a mencionada “Lóstregos” quedaron coma imprescindibeis nos concertos de Budiño. E qué dicir cando recupera pezas tradicionais e emociona tanto como na fermosísima “Marcha de Breixo”!

Poderiamos tentar de analizar a ducia de cortes que contén este CD, pero talvez o mellor resumo é que as músicas de “Paralaia” seguen a funcionar en novos ouvidos, pois resultan atemporaris e superan o simple carácter nostálxico polo que un día nos foi moi familiar, dos recordos daqueles locais onde nos encontrabamos para unha dose de música folque cun algo máis. E este non o perdeu tras dúas décadas nas que Budiño seguiu a pasear por todo o mundo o seu espíritu ao vivo e noutras gravacións que puntualmente si conseguiron o labor difícil de achegarse á altura do “Paralaia”

Como é de agradecer, a presentación desta reedición no Culturgal irá acompañada dun concerto especial no Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra o sábado 3 coa presenza de Mercedes Peón e unha banda á altura dunha revisión do “Paralaia”: Isaac Palacín, Sérgio Tannus, Santiago Cribeiro, Fran Sanz e Antonio Rodríguez.

Pepe Cunha, 28-novembro-2016

AXENDA