Celebración do XXVII Encontro Internacional de Soundpainting

Xullo 03, 2025

nota:

ENCONTRO INTERNACIONAL DE ARTISTAS EN COMPOSTELA
Hoxe presentouse no Salón Teatro de Santiago o XXVII Encontro Internacional de Soundpainting. Santiago de Compostela acollerá do 6 ao 13 de xullo o Encontro Internacional de Soundpainting, unha xuntanza que reunirá na capital galega a máis de 30 artistas de todo o mundo, especialistas do soundpainting.
O soundpainting é unha lingua de signos aplicada á composición multidisciplinar en tempo real, unha linguaxe que foi creada hai 50 anos polo neoiorquino Walter Thompson. Esta ferramenta de composición en vivo consititue o foco de investigación en torno ao que traballa a Orquestra Galega de Liberación, que este ano exerce de artista anfitrión deste Encontro.
Estas xuntanzas de traballo lévanse realizando dende hai 26 anos, celebrándose cada ano nunha cidade distinta, e reunindo a un importante número de artistas profesionais de todo o mundo e de diferentes disciplinas artísticas, que son convocados polo propio creador, Walter Thompson.
Durante a semana de convivencia en Compostela estes profesionais realizarán sesións de traballo guiadas polo propio Walter Thompson, e tamén poderán compartir a súa experiencia coa propia Orquestra Galega de Liberación, orquestra creada e dirixida polo músico Xacobe Martínez Antelo, instructor certificado de Soundpainting.
Se ben estas xornadas matinais serán sesións privadas, só para as persoas inscritas e convocadas para este encontro, o Soundpainting encherá as rúas de Santiago cunha completa programación moi variada.

Programación aberta ao público
Durante toda a semana que dure este encontro o público xeral tamén poderá desfrutar e descubrir mais sobre esta técnica de composición chamada soundpainting.
O domingo día 6 de xullo realizarase no Salón Teatro un concerto de apertura. A Orquestra Galega de Liberación abrirá esta semana cun concerto moi especial, onde será dirixida ademáis de polo seu director Xacobe Martínez Antelo, tamén polo propio Walter Thompson.
De luns a xoves tamén poderemos descubrir na rede de clubes do casco vello da cidade microeventos performativos onde participarán non só musicos da Orquestra Galega de Liberación senón tamén os propios asistentes deste encontro internacional.
O peche musical será o venres 11 na Casa da Máquinas (Rúa de Galeras), pero a programación estenderase ata o domingo 13, coa realización dun faladoiro ás 13h no CGAC, onde participarán diversos soundpainters do encontro e o propio Walter Thompson, pechándose cunha intervención musical de Suelen Estar Quartet.
Todos estes concertos serán abertos ao público, de entrada libre ata completar aforo.

Eis a programación en detalle:
Domingo 6 de xullo | Salón Teatro | 20h : Concerto da Orquestra Galega de Liberación dirixida por Walter Thompson e Xacobe Martínez Antelo

Luns 7 de xullo | Camalea | 21h : Intervención musical de membros da OGL + Soundpainters

Martes 8 de xullo | Modus Vivendi | 21h : Intervención musical de membros da OGL + Soundpainters internacionais

Mércores 9 de xullo | Borriquita de Belem | 21h : Intervención musical de membros da OGL + Soundpainters internacionais

Xoves 10 de xullo | Casa das Crechas | 21h : Intervención musical de membros da OGL + Soundpainters internacionais

Vernes 11 de xullo | Casa das Máquinas | 20h : Concerto de Clausura coa OGL e os participantes do Think Tank ao completo, dirixidos por Walter Thompson

Domingo 13 de xullo | CGAC | 13h : Faladoiro con Walter Thompson e Soundpainters do Think Tank + intervención musical de Suelen Estar Quartet

Asistiron á presentación María José Pámpano, música integrante da Orquestra Galega de Liberación. Leese Walker, participante internacional do encontro, Míriam Louzao, Concelleira de Capital Cultural, Xacobe Martínez Antelo, Director da Orquestar Galega de Liberación, Natividade González, Deputada de Cultura da Deputación da Coruña. Jacobo Sutil, Director da Axencia Galega de Industrias Culturais, Xunta de Galicia, e Rolf Sturm, outro artista internacional participante do evento.

Facebook