Caxade e a Banda de música da Bandeira “A Dança dos Moscas ao vivo”

Xaneiro 28, 2016

No seu momento comentamos aquí o debut do novo proxecto de Alonso Caxade (Cuarteto Caramuxo, Orquestra Os Modernos, Pel de Noz …). Xa pasaron 2 anos e, mentres traballa na súa continuación de estudio, chega a plasmación en CD + DVD daquela “A Dança dos moscas” ao vivo. Pouc@s artistas poden presumir de tantos concertos (case 100 !!!) cun único disco, pero a proposta do que non pouc@s cualifican coma o noso Zach Condon (líder da banda de indie-folque Beirut) chegou a públicos diversos e está ben celebralo dalgún xeito. A elección foi pór á venda este disco ao vivo.

Porén, non podía ser un concerto calquera, senón que se optou por rexistrar unha ocasión especial. A data foi o 6 de decembro de 2014 e o lugar o Pazo da Cultura de Pontevedra, dentro da programación do Culturgal (Feira das industrias culturais galegas). Daquela, a formación habitual de catro músicos acompañouse por nada menos que pol@s máis de 50 da Banda de Música da Bandeira. Dada a bagaxe e a proposta musical de Caxade, este proxecto cobizoso fusiona coa banda de música con naturalidade e regala momentos de son grandioso.

Ademais desta orquestración especial que, cos lóxicos arranxos sobre as melodías xa coñecidas, reflicte a forza de tantos instrumentos en sintonía, os outros intereses desta edición son o de dispór das imaxes do concerto e a interpretación ao final de “Victo ia”, peza que quedara fóra do álbum no seu día. Recomendado, obviamente, para quen gustou do disco en estudio e dos concertos. Parabéns polo éxito d” A Dança dos Moscas”.

Pepe Cunha, 28-xaneiro-2016

AXENDA