caxade “a dança dos moscas”

Decembro 03, 2013

Coñeciamos o acordeonista Alonso Caxade por formar parte de proxectos vencellados ao tradicional dun xeito peculiar ou desprexuizado: Orquestra Os Modernos, Cuarteto Caramuxo ou Pel de Noz. Hai cousa dun ano comezou espertar curiosidade cun novo proxecto cantado e uns persoais vídeos na Internet: “Gente pota”, “Sr. Xorda” ou “Demos graças”, pezas presentes neste disco tras pasar por un estudio de gravación. Tamén foron unha sensación para quen os descubriron ou confirmamos ao vivo, no Festival SinSal de SanSimón, por exemplo. Sen artificios, fieis ao seu directo e coa formación completa de bombardino ( Manu Espinho), trompeta e carrillón (Manu Paino) e batería (Xosé Tunhas), o álbum gravouse nos estudios “A Ponte” de Tomás Ageitos (Balakandra, Os Cempés, Grampoder…).

Como acontece coas formacións mencionadas, a súa proposta resulta moderna, interesante, particular: instrumentos previos á guitarra eléctrica ao servizo dunha perspectiva musical máis actualizada ou receptora de influenzas. Neste caso concreto de Caxade presenta unha canción folc con letras de denuncia sobre melodías que conectan con soltura. Dos textos, breves pero directos, eis unhas mostras: “Quando a cousa lhe vai mal, a nós vai-nos mal primeiro” (“Gente pota”), “Queixa-te menos e trabalha por dez” (“Demos graças”), “Recortas-me as maos, recortas-me os pés / non me quitarás a palabra” (“Lei d’Hondt”) ou “Os poderes casam entre eles / antropofagia na cidadania” (“Foliom da rebelión”). Porén, tamén hai lugar para os amoríos de sempre en “Amélia” (“Amélia nom sejas carota, vem e dá-me un beijo dessa tua boca”) e as divagacións máis persoais ou as metáforas en “Capadores de extraterrestres” (“Apropriárom-se da terra e somos nós extraterrestres”).

Esta estrea é das que complican ou esboroan etiquetaxes, que coquetean nas fronteiras estilísticas e estéticas, funcionando co público do folc á vez que esperta a curiosidade de certa audiencia da chamada alternativa. Pensemos en Yann Tiersen, Beirut ou os cataláns Manel, malia as diferencias entre todos eles. Iso si, mentres gozamos destas primeiras gravacións, agardemos máis de Alonso Caxade no futuro. E mellor tamén, porque na voz non está tan diestro como no acordeón e talvez un chisco máis de complexidade na produción enriquecería vindeiras entregas. Vaia isto como unha pega para que non se note tanto que hai xa tempo que me declarei fan da proposta Caxade.

Editado por Discos da Máquina e cun deseño estupendo de Logoferoz

Pepe Cunha, 3-dec-2013

AXENDA

Facebook