Cass McCombs no Salón Teatro, 19-xaneiro-14

Xaneiro 23, 2014

Malia programarse nun domingo de xaneiro que ademáis resultou chuvioso, o Salón Teatro presentou una entrada notábel para o primeiro concerto, e único na Galiza, da xira española de Cass McCombs. Sen dúbida axudaron as boas críticas que acompañan “Big Wheel and Others”, o sétimo e máis celebrado álbum deste autor de cancións narrativas, introspectivas e evocadoras, Incluiuse a cita dentro do ciclo “Íntimo y acústico” pero, contrariamente á austeridade destes tempos, gozamos dunha formacióneléctrica e ben solvente de baixo, batería, guitarras e pedal steel.

Como adoita pasar coas bandas estadounidenses que nos visitan, o son resultou case impecable. Porén, a parte vocal de McCombs foi a que palideceu un chisco fronte unha instrumentación precisa e o volumen axeitado para soar alto e non por iso resultar daniño aos tímpanos. No que se refire á posta en escea, sería inxusto desmerecer un concerto pola pouca interacción e sobriedade, pero os músicos, McCombs o primeiro, estiveron contidos ou fríos até a esaxeración. Temos asisitido a concertos de presentación igual de austera pero que nos transmiten bastante máis. Con este panorama, o recinto tan recollido do Salón Teatro resultou do mellor acaído, mesmo con boa parte do concerto case a escuras para favorecer a atmosfera de misterio, repetición e romance que crean as cancións do compositor. Refírome a esa liña continua, de repetición, por momentos de hastío e musicada en rock mesturado con olque, country, rhythm and blues, poemas ou baladas, moi na onda etiquetada como Americana.

Quen acudiron ao reclamo do último disco tiveron del un bo repaso (“There Can Be Only One”, “Brighter!”, “Name Written in Water”, “The Burning of the Temple, 2012”, “Angel Blood”, “I Went to the Hospital”, “Morning Star”…) , algunha parada lóxica en álbums anteriores como “Bobby, King of Boys Town” e a súa versión do “Lost Highway”. Á proposta, con frecuencia repetitiva e estensa, de Cass McCombs a amas ou cansas dela, pero non a odias porque non chega a ser estridente e por momentos mesmo quedas atrapado na súa atmosfera. A min pasoume máis cando se achegou algo ao pop, con “There Can Only Be One” ou na melancólica”Brighter!” e co seu clásico particular “County Line”, no final dun concerto bon que tiña os ingredientes necesarios para ser algo máis.

Pepe Cunha, 23-xaneiro-2014

AXENDA

Facebook