carmen parís “ejazz con jota”

Novembro 04, 2014

Desde que a aragonesa Carmen París se dera a coñecer co magnífico “En mi pecho” coñecimos unha vocalista libre e inimiga dos corsés estilísticos. Probas da súa fusión, da reivindicación da músicas sen fronteiras (especialmente as máis familiares para a cultura española), foron os outros dous discos coa multinacional Warner: “Jotera lo serás tú” e “InCubando”. O seu cuarto álbum, o proxecto “Ejazz con jota”, vese agora reeditado con visión internacional e apoio de Fol Música.

“Ejazz con jota” gravouse e editouse na primeira metade do pasado ano e reflicte un traballo notable de mestura de jotas aragonesas co jazz. A París xuntouse coa Concert Jazz Orchestra de Greg Hopkins, toda unha big band de 16 músicos recoñecidos no circuito internacional, no mítico estudio Blue Jay. Mais non se trata só dun achegamento musical, senón que tamén varias destas letras populares son cantadas tamén en inglés co fin de dar visibilidade internacionalal á Jota,

Tras abrir boca cunha “Obertura gigante” inspirada na zarzuela “Gigantes y Cabezudos,” comeza unha jota en inglés por jazz que xa rende @ máis pintad@: “Noble & Brave/Noble y Bravía”. “Ejazz con jota” é creatividade, elegancia, expresividade, paixón, melodía, harmonía, ritmo, solos impresionantes e fusión ben acabada, como a “recreación jotero-tanguera cubaneada” de “Mucho ringo-rango”. Composicións coñecidas como “Jotera lo serás tú”, “Entre tus manos” ou “En mi pecho” conviven con novidades como “Hija de la gran madre”, o poema turco feito canción “The Cry of the Nightingale/El llanto del ruiseñor” ou “Vivir en amor”. Sen chiar aos ouvidos, a fusión de jota e o jazz móllase tamén en góspel (tremenda a letra de “Hija de la Gran Madre”), sons andalusís, afrocubanos ou blues.

As novidades desta reedición son o deseño inspirado en vellos álbumes de jazz e unha canción inédita para a ocasión “Por favor, por amor” que, sen casar co resto do álbum, ponlle o peche denuciando a apatía e o maltrato do medioambiente. O máis importante cando falamos dun proxecto de fusión, anovador e diferente, é constatar si funciona ou non tras pasar o factor sorpresa. O experimento de “Ejazz con jota” sae practicamente sempre ben airoso e por tanto resulta moi recomendable.

Pepe Cunha, 4-novembro-2014

AXENDA