Carmela é un novo proxecto tras o que está Carme López, intérprete, profesora e investigadora da música oral e tradicional do país que editara hai meses o traballo interesante sobre gaita “Quintela”. Agora coa compaña na música e os arranxos de Lucas Martínez e na produción de Arturo Vaquero, presenta un novo álbum apoiado en dous alicerces principais: a perspectiva de xénero e a investigación etnográfica. As protagonistas son as informantes e así as pezas tiradas de fontes diversas levan os nomes de mulleres referentes na aprendizaxe das melodías. E como di a propia Carme nos comentarios a unha das pezas, este disco é unha “viaxe dende o contexto rural ao urbano, ou dende o pasado ao presente”
Arredor deste corpus de oito pezas temos o inicio “De Moscoso … ” coas irmás Aida e Rosa Garrido, na cociña da súa casa nunha gravación do arquivo de Xisco Feijóo e un final “… a Toutón” que representa as conversas de Carme con Lucinda Barcia, Eva Columna e Montse Alvariño. “Non é sinxelo escoller cando a que conta o fai con corazón e sabedoría, e aquí vai un pouco delas“. Cunha voz fermosa e sen estridencias nin sobresaltos no musical, o disco repasa diversos estilos, desde baile até acompañamento da seitura, aos que lles dá unha tintura sonora actual que confirma a vixencia da tradición. As colaboracións tamén son discretas, como o uso da electrónica, pero poden ser tan brillantes e efectistas como a de Germán Díaz á zanfona en “Los loreles” e emocionantes como a das noviñas Titiriteiras en “Rosiña” ou a das veteranas Pandereteiras de Toutón en “O ramo”.
En definitiva, “Vinde todas” recolle con paixón e respecto o pasado das mulleres informantes e tráeo á actualidade, polo que non se distinguirá por orixinal, pero si por elegante e coidadoso nas reinterpretacións de Carmela. Como aconteceu co debut “Aire” de Caamaño e Ameixeiras, o selo catalá Segell Microscopi estivo atento e apúntase o tanto.
Pepe Cunha, 29-novembro-2024
https://carmelopez.bandcamp.com/album/vinde-todas
repertorio
1. De Moscoso …
2. ROSA E AIDA. No alto do Cacho
3. LINA E LOLA. Fumaces
4. HERMOSINDA E AS OTILIAS. Los loreles feat. Germán Díaz
5. CORONA. A miña vai acabada
6. JULIA. Rosiña feat. Titiriteiras
7. NICANORA. A dibujarte
8. SEVERINA. A Rusia pequena
9. REGINA. O ramo feat. Pandereteiras de Toutón
10.…a Toutón 02:04