carlos vudú y el clan jukebox “cartas marcadas”

Xaneiro 29, 2012

O debut desde murciano e a súa banda non é unha proposta en absoluto novidosa, mais si sólida, contundente e asequible na mellor tradición do rock and roll en castelán. Apunta na dirección de álbumes tan notables como os asinados por Quique González (“Personal”), M Clan (“Memorias de un espantapájaros”), Los Rodríguez (“Buena suerte”), Ariel Rot (“Hablando solo”) ou Los Madison (“Vendaval”). Os textos están ben traballados, sempre ao servizo da canción e sobre a temática habitual das relacións sentimentais, a noite, a cidade e esa imaxinería da loita do corredor de fondo. Asemade, redondean a xogada coa produción de José Nortés, magnífica en discos como “La noche americana” de Quique González ou “La noche de los valientes” de Coque Malla. Se hai que poñer algún “pero” sería unha excesiva xenerosidade no número de cancións -nada menos que 14 !-, pois provoca algo de enchenta tras abondos bos pratos. Entre estes, pezas tan directas como a urxente e sexual “Al ritmo de tu cuerpo”, o achegamento á fronteira en “Cuando las calles gritan”, o blues-rock en “Perdido en el blues”, pero, sobre todo, o efectivo rock and roll de inspiración John Mellencamp ou Tom Petty and the Heartbreakers en “Mira dónde estoy”, “Mientras puedas”, “Nadie abre los ojos” ou a propia “Cartas marcadas”.
Pepe Cunha, 29-xaneiro-2012

AXENDA

Facebook