Capercaillie & RFG, Pongo, Chico César, Maruja Limón, Antía Muíño e Guadi Galego, entre as primeiras confirmacións do festival Maré 22

Xullo 07, 2022
nota:

O festival Maré, Músicas e Artes atlánticas acada este 2022 a súa maioría de idade cunha nova edición, que se celebrará do 21 ao 25 de setembro en Santiago de Compostela, e da que veñen de avanzarse as primeiras confirmacións.

O cartel inicial deste 2022 inclúe a mítica banda escocesa Capercaillie, que actuará coa Real Filharmonía de Galicia, a artista angolana Pongo, os brasileiros Orquestra Voadora e Chico César, o trío do Rajasthan Barmer Boys, as catalás Maruja Limón, a arxentina Sofía Viola e as galegas Guadi Galego e Antía Muíño.

Fiel ao seu espírito de intercambio cultural entre territorios que comparten lazos lingüísticos, históricos e outras ligazóns sentimentais, Maré 22 volve apostar con forza pola diversidade, o feminismo e as novas lingüaxes artísticas con propostas innovadoras e de calidade, moi variadas nos seus estilos e na procedencia dos sons.

PROPOSTAS DIVERSAS EN ESTILOS E SONS, DE MAIORÍA FEMININA, E PROCEDENTES DE PAÍSES COMO ANGOLA, BRASIL, ARXENTINA, ESCOCIA OU A INDIA

Desde Escocia, a histórica banda Capercaillie, pioneira do renacemento da canción gaélica, protagonizará un dos grandes concertos desta edición. Con máis dun millón de álbumes vendidos en todo o mundo e a exquisita voz de Karen Matheson no centro desta formación, Capercaillie unirase á Real Filharmonía de Galicia baixo a dirección de Paul Daniel no espectáculo inaugural deste Maré 22.

Cunha gran representación de mulleres artistas, maioría entre os nomes dados a coñecer, en Maré 22 terá lugar tamén o peche da xira Costuras de Guadi Galego. Será cun espectáculo moi especial no que contará coas colaboracións de Paula Grande, Olatz Salvador ou Silvia Quesada, entre outras voces amigas. Tamén pasará por esta edición a cantautora galega afincada en Donostia Antía Muíño e a súa delicada e sedutora mestura entre a renovada canción de autor, a tradición e o pop, con evocacións que van dende o jazz ata a bossa nova cantada en galego.

Entre as primeiras confirmacións desta edición figura, así mesmo, a angolana Pongo e súa fusión de kuduro, afrobeats, favela funk e afrofunk, que aposta por combinar xéneros e linguas como método para derrubar barreiras culturais. Sadikila, o seu álbum de debut vén cheo de música potente e adictiva para animar calquera festa. Desde o Rajasthan, na India, os Barmer Boys traerán ao festival Maré as tradicións musicais seculares do folk e a música sufí, cunha gran versatilidade de estilos e unha enerxía desbordante en cada actuación, na que incorporan o beat-boxing e set dj en directo.

A lenda viva da música brasileira, Chico César, recalará neste Maré 22 dentro da xira de presentación do seu novo traballo. Vestido de amor é un disco multicultural con ritmos brasileiros, occidentais, caribeños e africanos que van desde o forró, reggae xamaicano, calypso e coco, pasando por un electrizante rock urbano. Tamén dende o Brasil, a Orquestra Voadora, famosa polo seu “bloco” no Carnaval de Río, percorrerá as rúas de Compostela cunha gran festa carioca.

O quinteto feminino residente en Barcelona, Maruja Limón, e a súa música vitalista que oscila entre o flamenco, o pop e os ritmos latinos, tamén pasarán polo Maré 22, ao igual que a cantante, compositora e actriz bonaerense Sofía Viola e a súa canción de autor cun toque indiefolk en tangos, milongas, cumbias, vallenatos, boleros ou blues, entre outros ritmos que absorbe e compón.

PRIMEIROS ABONOS DISPOÑIBLES NA WEB MARE.GAL

Este mércores saíron á venda os primeiros abonos a 50€ que estarán dispoñibles SÓ durante 48 h. Será a ÚNICA oportunidade de adquirir este pase de acceso a todas actuacións e actividades desta XVIII edición.

Non perdas a oportunidade! Entra xa na páxina web do festival mare.gal e faite co teu abono! Moi pronto, novas confirmacións 🎏

Dende os seus inicios Maré, Músicas e Artes atlánticas quixo trazar un mapa común entre Galiza como epicentro e outros territorios de ultramar, e ser un lugar de encontro e diálogo intercultural a través da música e outras artes.

Maré 22 forma parte dos concertosdoxacobeo.gal e conta cos patrocionios da Xunta de Galicia e Xacobeo 21·22, Deputación da Coruña, Concello de Santiago de Compostela, Inaem e Estrella Galicia.

Facebook