Cantos na Maré volve a Pontevedra cunha edición en torno a poesía para despedir o ano rosaliano

Novembro 30, 2013

nota:
As palabras de Rosalía, Cunqueiro, Pessoa e outros poetas desta e da outra beira do atlántico soarán nas voces de artistas galegos, da Península, do Brasil e de Cabo Verde. A nova cita do Festival Internacional da Lusofonía será o 11 de xaneiro de 2014 no Pazo da Cultura de Pontevedra

Póñense á venda 100 entradas a prezo reducido antes de anunciar o cartel dunha das edicións máis intimistas e coidadas do festival

O Festival Cantos na Maré volverá un ano máis a Pontevedra cunha das súas edicións máis coidadas e intimistas, dedicada á poesía como peche musical do ano rosaliano. Así o contaron esta mañá no Culturgal Uxía, directora artística do proxecto; Paco de Pin, productor; Anxos Riveiro, concelleira de Cultura de Pontevedra; e Jacobo Sutil, director de Agadic. Todos eles quixeron remarcar a calidade desta nova convocatoria do Festival Internacional da Lusofonía, que xuntará a artistas galegos, da Península, de Cabo Verde e do Brasil. Con todo, non desvelaron os nomes que compoñen o cartel deste ano, unha sorpresa que se desvelará en breve, e anunciaron a posta á venda de 100 entradas a prezo reducido pensadas como unha maneira de recompensar o público máis fanático de Cantos na Maré. Si deron a coñecer a data da cita: o sábado 11 de xaneiro de 2014, coma sempre no Pazo da Cultura de Pontevedra.

As composicións da propia Rosalía de Castro, xunto as de outros autores como Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro ou Fernando Pessoa, tornarán música en versións únicas e irrepetibles froito do traballo conxunto dos artistas na semana previa ao concerto. Como explicou Uxía “outras voces doutros lugares cantaranlle a Rosalía e como sucede sempre en Cantos na Maré esa convivencia favorece que artistas de todos os recunchos do mundo da lusofonía descubran que aquí naceu a súa lingua e recoñezan a Galicia como unha irmá pequena”.

Pola súa parte, Anxos Riveiro animou ao público a que comece a buscar xa información sobre Cantos na Maré, “un proxecto moi querido non só en Pontevedra, senón en toda Galicia, que para nós supón un comezo do ano maravilloso e nos dá folgos para levar adiante toda a programación cultural da cidade”.

O director da Agadic, Jacobo Sutil, tamén quixo remarcar o valor de Cantos na Maré como “ponte entre as culturas da lusofonía” e destacou a “esa relación de complicidade que se establece co seu público fiel e que se percibe dende o escenario ao patio de butacas”.

Neste sentido, Paco de Pin subliñou que “o público é a peza fundamental do proxecto, o que o fai medrar e consolidalo” e afirmou que “as entradas supoñen o 30% do orzamento do festival”.

Entradas a prezo reducido

A xente acode a Cantos na Maré porque sabe que é unha oportunidade única para experimentar e descubrir novos talentos colaborando con músicos consagrados. Colgar todos os anos o cartel de aforo esgotado é unha mostra desa fidelidade. Este ano a organización quere remarcar que a confianza é mutua. Por iso se lanzou a anunciar a data do festival sen desvelar o cartel ata dentro duns días e adiantou a posta a venda dun pack de 100 entradas a prezo reducido. Estas entradas poderán mercarse, como decote, a través do servizo de Servinova (www.servinova.com e 902 504 500) ao prezo de 15€ (gastos de xestión incluídos) dende hoxe ata o vindeiro 10 de decembro, data na que se darán a coñecer os nomes dos artistas deste ano. A partir dese momento a entrada pasará a custar 28€ (gastos de xestión incluídos).

Conexión coa cidade

As primeiras edicións de Cantos na Maré celebráronse ao aire libre no centro histórico da cidade de Pontevedra. O seu éxito foi determinante para a continuidade do proxecto, que finalmente adoptou o Pazo da Cultura como a súa sede. Con todo, o festival non quere perder a conexión coa viveza da cidade, que lle permite chamar a atención dun público máis heteroxéneo.

Ao longo da semana na que se desenvolverá o festival, Cantos na Maré estenderá os seus tentáculos a diferentes espazos de Pontevedra, coa proposta de varias actividades organizadas xunto con institucións cun importante peso no espazo urbano, como a Universidade de Vigo.

Dirixido a universitarios, músicos e artistas plásticos, levarase a cabo un lab-taller con diferentes músicos galegos que interpretaron os textos de Rosalía de Castro. Os participantes terán a oportunidade de desentrañar con eles o proceso creativo dunhas interesantes obras nas que dialogan literatura, música, fotografía e ilustración.
Tamén en torno á figura de Rosalía de Castro, así como doutros poetas, celebrarase unha charla musicada a cargo dun dos artistas que máis traballou cos seus poemas. E os estudantes de primaria e secundaria terán a oportunidade de asistir a unha demostración didáctica cun dos músicos convidados a Cantos na Maré 2014. Será unha experiencia vibrante onde coñecer os diferentes instrumentos e ritmos deste evento.

Ademais, durante os ensaios do concerto desenvolverase unha sesión práctica de son, iluminación, produción técnica e estruturas, impartida por profesionais experimentados nestas materias e dirixida a estudantes das escolas de imaxe e son de Galicia.

Facebook