Cantos na Maré, unha convivencia musical moi viva. 16-xaneiro-2016

Decembro 18, 2015

Volveu quedar claro que Cantos na Maré non é un festival máis. Para comezar analizalo, cómpre repasar en que consiste. O cartel anuncia uns nomes chegados de diferentes puntos xeográficos da lusofonía pero que non veñen ofrecer cadanseu recital, senón que se prepara un recital conxunto, unha convivencia musical. Comparten pezas do seu repertorio interpretándoas cunha banda base de músicos que coordina o azoriano Paulo Borges. Ademais, preparan algunhas en colaboracións c@s outros artistas. Non vale calquera cousa e por iso hai que procurar que as unións funcionen, que exista ou se cree a simbiose, a química entre @s artistas. A graza especial obterase no traballo dos días anteriores, na preparación dese recital que o público presenciará.

Como é tradición, a canción “Cantos na Maré” abriu a velada coa directora artística e alma do festival Uxía acompañada nesta edición de Thaïs Morell. Do seu repertorio, a brasileira interpretou “Vestida de Kenté”, adicado á forza das mulleres, “Eles” aos seus “mussos” e “Passa, repassa” sobre ser feliz vivindo o momento.

A representación galega a cargo de Uxía e Narf aproveitou ben a banda para vestir de matices instrumentais tres temas do seu proxecto conxunto e intimista: “Baladas da Galiza Imaxinaria”: “Bos amores” sobre poema de Rosalía de Castro, “Encontrarte” e “Esta noite” soaron cunha intensidade fermosa. Uxía é a alma deste festival e Narf repetía anos despois polo que se encontraban cómodos, e máis cunha química tan consolidada entre eles en ducias de concertos.

Andabamos case na metade do espectáculo e Uxía presentou os magníficos músicos da banda base: Quiné (batería), Paulo Silva (percusión), José Díaz (contrabaixo), Roberto Comesaña (acordeón) e Paulo Borges (piano). Narf, moi conectado con Guiné a través de Manecas Costa, presentou a Karyna Gomes. Esta falounos de cando Narf visitou Guiné e namorou de Cacheu até o punto de, tras chorar de emoción, compoñer unha “Cacheu” que esta noite interpretaron xuntos. De seguido, a guineana regalounos “Mindjer i mame”, “Amor livre” (composición de Zé Manel Fortes) e, xuntándose con Thaïs Morell ás voces e percusións, un dos momentos máis celebrados da noite: “Terra di Galego”, toda unha proba da viaxe de ida e volta que promove o Cantos na Maré ao reivindicar, neste caso, a influencia alén dos mares de pandereteiras galegas.

O recital estaba ben arriba nese momento e aínda faltaba a presenza dos veteráns portugués e brasileiro e seguir abrindo o abano estilístico. Chegaban o rock, a balada e o aire blues con Jorge Palma, vigoroso el só ao piano con “Fragil” e máis íntimo e sentido con Uxía en “Só” e “Bairro do amor”. Outro dúo pra gardar no recordo. Narf entraba como un máis da banda poñendo os detalles da guitarra eléctrica e mesmo algunha segunda voz: “Dá-me lume”, “Portugal, Portugal” e outro gran momento con “A gente vai continuar”.

A cousa non podía baixar de intensidade a esas alturas, pero Alceu Valença saiu enérxico e vitalista coma un furacán de samba reggae que enganchou o público no chiscar dun ollo: “Tropicana (Morena Tropicana” foi acompañada con entusiasmo desde as cadeiras. Seguiron outros clásicos do seu repertorio como “Como dois animais”, “Anunciaçao” e, tras a ovación do público, “Luar de Prata” acompañado de Uxía, Karyna e Thaïs aos coros. O remate final era previsible para quen xa coñecemos o festival: tod@s a escea para o “Cantos na Maré” coral.

Para manter un público fiel hai que coidar esa combinación do amor pola música e a lingua que nos une, o agarimo, o detalle, as gañas de experimentar e descubrir. Se medimos o éxito do festival por unha análise global do recital, o deste ano está entre os mellores que servidor presenciou. Tivo ritmo, diversidade estilística, a representación local de Uxía non desmereceu nin un chisco e convenceron tanto os talentos novos de Thaïs Morell e Karyna Gomes como as carreiras máis longas. Reafirmada unha vez máis a comuñón entre o escenario e as butacas, xa podemos estar atentos ás datas da vindeira edición, que esta vez se venderon todas as entradas con antelación.

Pepe Cunha, 19-xaneiro-2016

AXENDA

Facebook

20 hours ago

Ábrete de orellas
Isto si é un premio, recibir traballos na redacción orelluda. Chegou o novo de O SONORO MAXÍN , que o vindeiro domingo están na A Arca da Noe con TIAM GzAi, ese ritmo e esas letras do Ico desde Ourense."A primavera ten que ser nosa", di que si. ... See MoreSee Less
Ver en Facebook