nota:
SÁBADO 14 DE SETEMBRO ÁS 20:30 HORAS NO PAZO DA CULTURA
MAYRA ANDRADE (Cabo Verde)
A estrela caboverdiana, abandeirada do pop tropical e afincada en Lisboa, vén de lanzar o seu quinto álbum, ‘Manga’, en crioulo e en portugués. Nel regresa aos sons da música africana do continente (foi gravado en Abidjan e París) coas súas raíces caboverdianas. Neste traballo traza unha delgada liña que oscila entre o urbano, o afrobeat e a música tradicional do seu país. Colabora Kim Alves, o famoso multiinstrumentista da illa, canda unha nova xeración de músicos do Occidente africano e o produtor de Costa do Marfil 2B.
A súa música é fresca e versátil. Un cóctel onde reformula a súa música materna e explora os sons tropicais. Non somos quen de atopar unha definición exacta do seu estilo, pero a súa música evoca a Cabo Verde, á costa brasileira, e ás zonas desérticas africanas. A súa música soa a verán. É unha mestura de cores radiantes que bailan, ritmos de veludo e melodías que arrecenden. A súa voz está sutilmente sazonada con pementa, como se a Europa do pop fose sempre un arquipélago tropical. As súas cancións evocan o verán eterno cunha pinga de exotismo. Cantadas en crioulo caboverdiano, inglés e portugués, os temas falan de romanticismo, sensualidade… Pop tropical.