nota:
DOMINGO 15 DE SETEMBRO ÁS 20:30 HORAS NO PAZO DA CULTURA DE PONTEVEDRA
ENREDADAS (Martirio, Uxía, Carmen París, Ugia Pedreira + convidadas)
O jazz flamenco de Martirio, a voz atlántica de Uxía, a forza maña de Carmen París e a orixinalidade poética de Ugia Pedreira reúnense no proxecto “Enredadas: Coplas e Alalás”, que suma para o concerto de peche do Cantos na Maré voces da Lusofonía que se unirán a este cuarteto.
Enredadas naceu co fin de promover, fomentar e difundir a arte como encontro; estreitar o coñecemento e a experiencia destas cantoras que revisitan a copla, a jota ou os alalás. Catro mulleres que reinventaron e revolucionaron estes xéneros e lles deron unha nova vida e unha nova visión desde o risco, a experimentación e a creación de novos contidos e arranxos que entroncan co jazz e outras músicas facendo que chegue a outra audiencia.
A afinidadade que senten vén dada polo atrevemento, a solidez e o humor cos que elas enfrontaron este reto. Diríase que son almas xemelgas de universos culturais diferentes, o que fará que o espectáculo sexa unha festa da música de raíz e de irmandade.Abordarán musicalmente o repertorio arroupadas polas guitarras de Sérgio Tannus e Marcos Teira, creando texturas ben curiosas entre as cordas que as acompañarán, as voces, as percusións e o piano de Carmen París.