Cantos na Maré complétase cun amplo programa de actividades dirixidas a público xeral e estudantes

Decembro 26, 2013

A Casa das Campás acollerá unha charla musicada na que Amancio Prada cantará e contará a Rosalía e Lorca; e mais un encontro con Uxía, Najla
Shami, Marina Seoane e Ainoa Calvo para desentrañar o proceso creativo dos seus libros-discos, que relacionan música, poesía e artes plásticas.

Na Casa das Crechas, en Santiago, terá lugar a presentación do Songbook e o disco “Foi non mês que vem” do músico brasileiro Vitor Ramil, coa colaboración de Xabier Díaz, Guillerme Fernández e Guadi Galego. Estudantes das escolas de imaxe e son poderán asistir a unha sesión práctica de son, iluminación, produción técnica e estruturas, durante os ensaios do concerto. E Budiño fará unha demostración didáctica para alumnado de primaria e secundaria.

O concerto do Cantos na Maré máis lírico e intimistra, centrado na nosa poeta Rosalía de Castro, será o 11 de xaneiro no Pazo da Cultura de Pontevedra. As entradas están á venda a través do servizo de Servinova (www.servinova.com ou no teléfono 902 504 500) ao prezo de 28€

Cantos na Maré é moito máis que un festival e este ano propón unha serie de actividades paralelas ao concerto organizadas xunto con institucións cun importante peso no espazo urbano de Pontevedra, como é o caso da Universidade de Vigo. Varias destas actividades están dirixidas a público xeral e son de acceso libre ata completar aforo. Así mesmo, haberá diferentes sesións prácticas especialmente deseñadas para estudantes de ensino primario e secundario, alumnado de escolas de música e conservatorios, estudantes de imaxe e son e universitarios. Todas eslas son de balde.

Para público xeral

O venres 10 de xaneiro ás 20:00h haberá unha charla musicada con Amancio Prada en torno ás figuras de Rosalía de Castro e Federico García Lorca. Será na Casa das Campás e os asistentes a este encontro terán a oportunidade de gozar dun momento íntimo con este artista, que contará e cantará a estes dous poetas que tanto o inspiraron no seu traballo.

Rosalía tamén estará presente noutra charla na Casa das Campás que pretende afondar na relación entre música, poesía e artes plásticas a través de dúas obras: o libro-disco “Rosalía pequeniña” de Uxía Senlle, con ilustracións de Marina Seoane, e o libro-disco “Na lingua que eu falo” de Najla Shami, con fotografías de Ainoa Calvo. Será o xoves 9 ás 20:00h e os participantes terán a oportunidade de desentrañar con estas catro artistas o proceso creativo destas obras. Ademais do público xeral, esta actividade vai dirixida a músicos, ilustradores, fotógrafos, outros artistas plásticos, escritores e estudantes de Belas Artes, de Comunicación Audiovisual e de Educación Musical.

Cantos na maré acolle tamén a presentación do Songbook e o disco Foi non mês que vem do músico brasileiro Vitor Ramil. Ambas as dúas obras presentaranse nunha emisión especial do programa Tres peixes voando da Radio Galega, dirixido por Xabier Díaz e Guillerme Fernández. Será na Casa das Crechas e, ademais de conducir o programa, estes dous músicos e Guadi Galego acompañarán a Ramil nalgúns dos temas que interpretará en directo. A cita é o 8 de xaneiro ás 20:30 e a entrada é de balde previa reserva de invitación en reservascrechas@gmail.com.

Para estudantes

Durante os ensaios do concerto desta edición desenvolverase unha sesión práctica de son, iluminación, produción técnica e estruturas, impartida por profesionais experimentados nestas materias. Esta actividade está dirixida a estudantes das escolas de imaxe e son de Galicia, e pretende ser una ferramenta para a súa capacitación profesional, ofrecédolle unha experiencia real nun evento musical único.

Por último, os estudantes de primaria e secundaria terán a oportunidade de asistir a unha demostración didáctica cun dos músicos invitados a Cantos Na Maré 2014: Xosé Manuel Budiño. Unha experiencia vibrante onde poderán coñecer algúns instrumentos, as diferentes sonoridades que poden conseguirse con eles e as emocións que poden expresarse a través da música.

A edición máis lírica

Cantos na Maré trae en 2014 a súa edición máis lírica e intimista. O 11 de xaneiro no Pazo da Cultura de Pontevedra as nosas e outras voces cántaranlle a Rosalía de Castro, nunha nova lectura, reinterpretada á luz dos problemas de hoxe. Cántaranlle tamén a outros autores da lusofonía, facendo da poesía o centro do Festival Internacional da Lusofonía. A mesma lingua, pero de moitas cores.

Para isto o festival conta cunha figura excepcional, Amancio Prada, quen dende o noso Bierzo veciño nos descubriu o esplendor da nosa poeta en cancións que xa fan parte de nós. Gaucho, de Río Grande do Sul (Brasil) chega outro mestre: Vítor Ramil, que visita por primeira vez a terra dos seus antepasados. Unha auténtica “delicatessen”. Desde o noso mar de Moaña: Budiño, un músico extraordinario, gaiteiro, frautista, compositor e buscador incansábel de melodías. A mestizaxe abrolla “devagar” desde Portugal da man de Luiz Caracol, sabor afro-luso con aromas de Brasil. E Gabriela Mendes devólvenos o gusto pola música cadenciosa e sedutora de Cabo Verde.

As entradas están á venda ao prezo de 28€ a través do servizo de Servinova (www.servinova.com ou no teléfono 902 504 500).

AXENDA

Facebook

10 hours ago

Ábrete de orellas
Isto si é un premio, recibir traballos na redacción orelluda. Chegou o novo de O SONORO MAXÍN , que o vindeiro domingo están na A Arca da Noe con TIAM GzAi, ese ritmo e esas letras do Ico desde Ourense."A primavera ten que ser nosa", di que si. ... See MoreSee Less
Ver en Facebook