nota:
Cantos Na Maré chega ao Pazo da Cultura de Pontevedra un ano máis para continuar o seu percurso a través das músicas que tecen as súas redes arredor da lusofonía. Será un festival de transición que vai dar paso a un novo formato no que participarán moitos axentes e colectivos que ampliarán esa rede de afectos construída ao longo destas trece edicións. O novo festival contará con mais participación e implicación da cidade, multiplicando o número de eventos e contidos e achegándose a un formato híbrido que mesturará actividades profesionais e actividades abertas ao público xeral, pivotando sempre sobre ese espazo cultural común xa definido polos usos lingüísticos e con vontade de abrir un mercado e interesar a unha comunidade musical que expresa en linguas próximas ás nosas.
Célula de internacionalización e contacto con outros mercados
O produtor do festival, Vítor Belho, xa adiantara na anterior edición que Cantos na Maré é unha iniciativa que, despois de trece anos, “segue viva, activa e cunha firme vontade de transformación”, destacando que o festival quere seguir sendo unha célula de internacionalización e de contacto con outros mercados para a nosa música, ademais de ser un evento único e singular, con artistas que son referentes no seu ámbito.
Belho adianta que neste Cantos na Maré 2017 haberá momentos para descubrir novos artistas, para disfrutar con artistas recoñecidos internacionalmente e para o re-encontro con artistas ben coñecidos en Galicia que nos ofrecerán as últimas novidades do seu repertorio.
Coma en cada edición Cantos na Maré servirá de laboratorio de afectos e complicidades entre artistas chegados das diferentes latitudes que compoñen a diversidade do galego-portugués no mundo; a representación dunha cultura mestiza e crioula na que os artistas participan do sentimento común do amor pola música e pola pertenza a un espazo cultural que ten na língua un dos seus elementos comúns…pero nom só, xa que o Cantos na Maré 17 servirá para traer ao escenario a memoria e as músicas de Fran Perez “Narf”, artista que participou en dúas edicións do Cantos na Maré.
Esta trixésima edición, vaise celebrar no Pazo da Cultura de Pontevedra o 14 de xaneiro de 2017 a partir das 21:00 horas. As entradas poranse á venda nos próximos días a través de Ataquilla.com.