Eis o rexistro sonoro dun labor de 4 anos a cargo dun coro tradicional con sede no Centro Cultural de Vincios (Gondomar). Cantares do Brión foi constituído como tal no 2010 e está integrado por 60 persoas da parroquia de Vincios e outras comarcas do Val Miñor. Os seus méritos culturais non son só os musicais e apreciables neste disco (interpretar, divulgar e restituír a música coral tradicional galega con acompañamento instrumental), senón tamén chega a aspectos tan salientables da nosa cultura como o traxe tradicional e o idioma galego.
“Arruídos” ofrece pezas do catálogo de formacións coma Toxos e Froles, Aires da Terra, Cántigas da Terra, Cantigas e Agarimos, Coral De Ruada … xunto con obras de nova creación: composición de membros do coro (“Tríadas do vento no mar”, “Camiño de Ourense”, “Na Touba do Brión”, “Foliada de Vincios”, “Has de cantar” …). Porén, a primeira vista chaman a cancións tan populares, aquí harmonizadas e arranxadas para coro, como “O carro” (de Mero Iglesias a partir dunha letra de Manuel María e popularizado pola daquela formación do seu autor, “Fuxan os Ventos) e o “Os Pinos” (o noso himno con música de Pascual Veiga e letra de Eduardo Pondal).
A análise do tempo e @s especialistas dirán se este álbum será referente da nosa música tradicional nos nosos tempos. Como mínimo, xa é unha respectuosa recreación dos nosos coros históricos e un manual de repaso musical por foliadas, alalás, pasodobres, pandeiradas ou pandeiretadas.
Pepe Cunha, 10-outubro-2014