Dous anos despois do seu debut “Palabras para flores y serpientes” recibimos un novo álbum do proxecto do letrista e cantante Paco Barco e o produtor e guitarrista Alberto Octavio. Se no anterior eran talvez máis protagonistas os ritmos populares, de raíz, agora se axudan de sintetizadores para crearen outras atmosferas. Todo sen abandonar o forte peso narrativo e a intensidade melódica nas cancións. “Venganza” é un disco sólido que agradará sen dúbida a simpatizantes desa onda de autor ao Bob Dylan, Nick Cave, Dennis Wilson ou uns Nacho Vegas e Nacho Ferrón.
Estes románticos buscadores da canción con identidade propia manexan ben a tensión e as melodías elegantes, como en “Breve la humedad” ou “Los invitados”. Saben ser crípticos e invitan a volver ás cancións, manexan non poucas referencias literarias ou cinematográficas, como “Huang”, baseada nunha lenda urbana de Usera sobre un vampiro chino. Son valentes para enfrontarse con crueza por exemplo en “Trinidad” ao monstro da depresión e falar da culpa e o perdón. E tamén atinan con dúas colaboracións vocais ben salientábeis: Javier Álvarez nunha “Félix Palmer” de aires fronterizos e Ariadna de Los Punsetes achegando unha voz de narradora aséptica en “Motivos para matar”.
Autoeditado e inspirado polo cadro homónimo de Mercedes Bellido, “Venganza” contén un bo feixe de cancións logradas e de carácter literario que describen realidades, vivencias e sensacións propias, de demos internos, penas e alegrías. Con elas, Caniche Macho fanse merecedores dun oco no panorama independente español onde a inmediatez e o efectismo eclipsa álbums coma este, que merecen atención pola súa factura notábel.
Pepe Cunha, 15-outubro-2019