Cancioneiro galego serodio (1989-2012) – Xabier Díaz

Xullo 20, 2025

Nun ano co foco institucional posto na figura das cantareiras e pandeireteiras por mor das Letras Galegas, Xabier Díaz agasállanos cun traballo no que xunta música, coplas, fotos e historias saídas de máis de vinte anos de recollidas por aldeas e vilas do noso rural. Ben sabemos polos seus traballos discográficos e concertos que este labor que comezou aos vinte anos segue a acompañalo para coñecer, crear e compartir un legado, nesa personalidade de seu que combina as caras de amador, folclorista, curioso e afeccionado polo noso folclore.

A compilación sitúase entre os anos 1989 e 2012 porque nalgún momento había que centrar o estudio dunha tradición e un cancioneiro que vén de moi atrás, que viaxou na memoria de miles de mulleres, xeración tras xeración ao longo do tempo. O contido lévanos polas catro provincias galegas e tamén os territorios arraianos, coa transcición das coplas obtidas de case cincocentas entrevistas e unha morea de audios orixinais nun CD masterizado por Tomás Ajeitos.

Estamos perante unha alfaia próxima, ao alcance de todas, non só de coñecedoras ou versadas, pois a lectura resulta ben agradábel da man das vivencias e historias compartidas, das anécdotas do compilador e, loxicamente, duns versos que tanto din da nosa identidade. Ademais, como bo libro didáctico que é, comparte fotos das protagonistas e un prólogo, a cargo de Noemí Basanta Llanes.

Pepe Cunha, 20-xullo-2025

Cancioneiro galego serodio (1989 – 2012)

AXENDA