“O Bule – Bule. Son dos Chífanos” é un festival que reúne tres bandas de referencia para celebrar a festividade das Letras Galegas e homenaxear ao escritor Roberto Vidal Bolaño. Ruxe – Ruxe, Os da Ría e Banda Crebinsky subirán ao escenario da Sala Capitol, en Santiago de Compostela, a noite do 16 de maio, no que pretende ser unha festa da Lingua destinada a todos os públicos.
O cartel do “Bule – Bule” ofreceralle aos asistentes unha noite de baile e algarabía, con tres formacións musicais caracterizadas polo seu compromiso co idioma propio, como preámbulo ao día grande da Lingua. O nome do evento fai un aceno ao conmemorado Roberto Vidal Bolaño, a través do título dunha das súas derradeiras obras “A noite que os chífanos deixaron de zoar”.
A iniciativa está promovida polas produtoras galegas I-Radia Crea e En Panties Producciones, que na actualidade colaboran xuntas noutros proxectos culturais como o ciclo de música en directo “Baixo a vide. Concertos con denominación de orixe”.
O festival “O Bule – Bule. Son dos chífanos” está ademais enmarcado no ciclo Compostela Rock, organizado polo Concello de Santiago.