CAMIÑAR SEN FIN. Un concerto para Fran

Agosto 30, 2017

nota

O Festival Feito a Man (no que Narf tivo unha presenza permanente desde os seus inicios) organiza un concerto-tributo a Narf na Praza da Quintana, o 30 de agosto de 2017.

Esta festa pretende, por unha banda, ofrecer unha panorámica significativa da súa música e, por outra, reunir na súa memoria non só os compañeiros e colectivos que compartiron camiño con el en Santiago, senón tamén amigos e artistas fundamentais no seu traballo chegados de Mozambique, Portugal, Euskadi e Inglaterra.

Coas cancións de Narf como punto de encontro para os seus amigos, compañeiros e colaboradores ao longo da súa vida, celebraremos especialmente, na que foi a súa cidade, unha noite de festa, agradecemento e lembranza de quen sempre estará connosco.

Dirección artística e musical: Marcos Teira

Banda base: Marcos Teira, Jose Manuel Díaz, LAR Legido, Suso Alonso e Mon Orencio.

Músicos e artistas participantes: Timbila Muzimba, Xelís de Toro, Jim Sanders, Ze Rui, Coro Encaixe, Mofa e Befa, Manolo Cortés (Chévere), As Marias (Maria Bouzas e Maria Pujalte), Carlos Santiago, Pepe Sendón, Quico Cadaval, Uxía, Jabier Muguruza, Alfonso Espiño, Pilo Sierra, Guadi Galego, Xabier Olite, Javier Abraldes, Pista 4, Manuel Paino, Piti Sanz, Ton Risco e Fran Sanz, entre outros.

Fran Pérez, Narf

Cidade incompleta, faro errante, Santiago. Para nós, e somos moitas e moitos, a cidade séntese hoxe de certo incompleta sen a persoal luz de Fran Pérez, Narf. Fóisenos un dos máis prezados tesouros da nosa memoria vital e artística nesta cidade. Sen el, a nosa vida aquí tería sido outra cousa.

Abriu camiños desde mozo no rock local, cando a música xuvenil ao vivo aínda era unha sorpresa nesta cidade. Abriu camiños na integración significativa da música nas artes escénicas e nas sinerxias que alimentaron o fenómeno das salas alternativas autoxestionadas. Abriu camiños inéditos para quen quere facer da música profesión desde a independencia e a integridade. Abriu camiños para a conformación da escena musical local como hoxe a coñecemos e abriunos tamén cara o exterior, propiciando encontros inauditos coa música do mundo, encetando vieiros inexplorados. E todo cunha personalidade única de irrenunciable orixinalidade.

As pontes que tendeu no mundo musical son agora motivo de aprecio e celebración. As homenaxes sucédense, a súa pegada lémbrase e hónrase nos lugares máis insospeitados. Por iso, a pesar da mágoa que iso supón, vai sendo hora de que esta cidade tamén o honre e o celebre.