O seu debut foi dos máis presentados ao vivo nos últimos anos, tanto no país coma fóra. E non só tocaron moitísimo senón que colaboraron con outras artistas e recolleron parabéns merecidos, o que lles debeu dar a seguridade necesaria para arriscar na produción. En troques de repetir a fórmula cun Diego Galaz (Fetén Fetén) que fixo un traballo impecábel en “Aire!”, para este “Quitar o aire” procuraron un xiro á súa proposta de folk acústico e vistas amplas. E que mellor que cun nome avalado por traballos con Novedades Carminha, Ataque Escampe, Familia Caamagno, Boyanka Kostova, Néboa ou Faia?
Así foi, o ecléctico Hevi semella que se implicou até o punto de se converter nunha terceira pata sonora (elas mesmas falan de que “este é un disco de tres“) que sumou ideas, bombo e percusións varias ao acordeón cromático de Sabela Caamaño e o violín dunha Antía Ameixeiras que segue a crecer como vocalista. Xuntas arredaron a luminosidade máis habitual de “Aire!” (que aquí conservan na “Xota de vente comigo”, por exemplo) e propóñennos algo así como un ritual, un mirar nos ollos o amor/sexo e a morte/loito como xa apuntaban os adiantos do álbum: as magníficas “Ai de min” e “A pequena morte”, onde contan cunha letras notábeis de Alba María. No musical pingan as coplas tradicionais, con xeitos de canción de autor e ritmos de todas partes, sexan jota, cumbia, dub, tango ou algún arrouto case punk. Escoitade “Mortalla de morte, mortalla de amor”, tal vez a peza máis significativa do eclecticismo do álbum.
Se como instrumentistas son unhas virtuosas, como persoas artistas son moi vitais. Todo apunta a que “Quitar o Aire” lles vai traer tanto ou máis recoñecemento que o que xa gañaron. Os instrumentais funcionan igual de ben, hai máis pezas cantadas e as coplas tradicionais escollidas teñen máis profundidade, a dese sacar o mal que apunta o título dun disco que emociona especialmente grazas ao toque antropolóxico dunhas coplas que tratan a existencia con todo o que a rodea.
Pepe Cunha, 9-novembro-2023
https://raso.bandcamp.com/album/caama-o-ameixeiras-quitar-o-aire
repertorio
“A pequena morte”
“Virar as tellas”
“Xota de vente comigo”
“Ai de min”
“Entruido”
“O corpo aberto”
“Quitar o aire”
“Mortalla de morte, mortalla de amor”
“Santa Mariña”