Caamaño & Ameixeiras “Aire!”

Xuño 09, 2021

Hai uns anos, Sabela Caamaño (acordeón cromático) e Antía Ameixeiras (violín e voz), músicas novas pero xa experimentadas, uníronse como dúo para darlle un tratamento de seu á música tradicional. Tras un bo feixe de concertos nun par de anos, entraron a gravar este seu debut discográfico e, con moito acerto, apostaron pola produción de Diego Galaz. Ademais de por ser un instrumentista moi requerido, é coñecido por Fetén Fetén, o seu proxecto con Jorge Arribas onde violín e acordeón son os instrumentos de cabeceira. Se cadra esta conexión co dúo burgalés axuda a que a proposta de Caamaño & Ameixeiras resulte tamén fresca e engaiolante na gravación.

Estas músicas son das que entenden a tradición como algo que coñecer para revitalizala, dotándoa dos arranxos e detalles que lles permite a súa creatividade e pericia instrumental, que non é precisamente pouca, Cunha variada selección de pezas e partindo da súa condición de galegas, tamén nos transportan por medio de ritmos populares a outras latitudes, coa tradicional búlgara “Buchimitsa”, a vasca “Alegría Dio”la Dea”, a francesa “Le bal de la Marine” e unha das miñas favoritas: “Transatlántico” de Kerien Alexander. A través de diversos formatos (dúo, trío, cuarteto ..) fan recreacións de temas recollidos (“Florencio” é un collage de pezas do cego dos Vilares), alleos (versionan con éxito a “Se souberas” que Mercedes Peón creara da Xota de Fontefría) e tamén varias composicións de Antía como “Mercedes y Dolores” -adicada ás súas avoas-, ou a que pecha e titula o disco.

“Aire!”, un título a modo de berro reivinidcativo que invita ao baile, á foliada, a gozar do popular sin que todo iso non podida soar exquisito, cun virtuosismo ben entendido; tanto por parte delas como o das colaboracións que acaban de vernizar o disco. Nada menos que Sílvia Pérez Cruz (“Maneo de Cambre” é do máis fascinante), Fetén Fetén, Abraham Cupeiro, Xavi Lozano, El Pana. Carola Ortiz, Pablo Martín, Apel.les Carod … e outros que sobrevoan como Pedro Pascual ou Xurxo Fernandes. E para finalizar, a maquetación da propia Antía e o deseño de collage de Nébeda Piñeiro válenme para recomendar achegarse un dos seus concertos e facerse coa edición física.

Pepe Cunha, 9-xuño-2021

AXENDA

Facebook